Tratado de Qadeš
O tratado de Qadesh, é un tratado de paz firmado sobre o -1285 entre os imperios de Hatti e Exipto, o primeiro de que se ten constancia escrita, e foi formalizado entre o faraón Ramsés II e o rei Hattusilis III dezaseis anos despois da batalla que enfrontou a ambos os reinos dirixidos polo propio Ramsés e polo entón rei hitita Muwatallis II, irmán do asinante do tratado.
Escribiuse na lingua diplomática da época, o acadio, sobre táboas de prata, algunhas das cales se atoparon en Hattusas e outras en Exipto. Tamén se atopou en Boghazköi unha versión escrita sobre unha taboíña de arxila.
O Tratado
[editar | editar a fonte]Tras a guerra, seguiu unha etapa de equilibrio inestábel entre ambas as potencias, cos hititas estendendo a súa influencia por case todas as zonas de Siria, incluída Qadesh, a pesar do autoproclamado triunfo de Ramsés. A correspondencia entre as raíñas Puduhepa e Nefertari, ambas con ascendente sobre os seus esposos, levou a Hattusilis a redactar un acordo en Hattusas, que enviou á cidade exipcia de Tanis, onde os escribas de Ramsés o revisaron.
Tras a súa sinatura, un exemplar foi depositado aos pés de Ra e gravado nos templos de Ra e Amón de Karnak, unha vez transcrito ao exipcio. Outra copia foi depositada no templo de Teshub en Hattusas.
O Tratado de Qadesh ten varias cláusulas:
- É indefinido: Mira, no que se refire á relación do gran rei, o rei do país de Exipto, e do gran rei, o rei do país hitita, desde a eternidade o deus non permite, por causa dun tratado eterno, que a inimizade exista entre eles.
- Asegura as fronteiras que había de facto, co que Ramsés renuncia a Qadesh, Amurru, o val do Eleuteros e todas as terras circundantes ao río Orontes e os seus tributarios, recoñecendo así o triunfo de Hatti: Reamasesa, mai-Amana, o gran rei, o rei do país de Exipto, non debe atacar xamais ao país hitita para apoderarse dunha parte (deste país). E Hattusilis, o gran rei, o rei do país hitita, non debe atacar xamais ao país de Exipto para apoderarse dunha parte (deste país).
- Convénse a mutua axuda: Se un inimigo estranxeiro marcha contra o país hitita e se Hattusilis, o rei do país hitita, me envía esta mensaxe: "Vén na miña axuda contra el", Reamasesa, mai-Amana, o gran rei, o rei do país exipcio, ten que enviar as súas tropas e os seus carros a matar a este inimigo e a dar satisfacción ao país hitita. Se un estranxeiro marcha contra o país de Exipto e se Reamasesa, o gran rei, o rei do país de Exipto, o teu irmán, envía a Hattusilis, o rei do país hitita, o seu irmán, a mensaxe seguinte: "Vén na miña axuda contra el", entón Hattusilis, rei do país hitita, debe enviar as súas tropas e os seus carros e matar o meu inimigo.
- Segue cun convenio de extradición: Se un home foxe do país hitita, ou dúas persoas, e se foxen do país hitita, e se veñen ao país de Exipto, e se un nobre foxe do país hitita ou dunha cidade e foxen do país hitita para ir ao país de Exipto, entón Reamasesa ten que facelos levar ao seu irmán. Mira, o fillo do país hitita e os fillos do país de Exipto están en paz. Se unhas persoas foxen do país de Exipto para ir ao país hitita, entón Hattusilis, o gran rei, o rei do país hitita, ten que facelos levar ao seu irmán. Mira, Hattusilis o gran rei, o rei do país hitita, e Reamasesa, mai-Amana, o gran rei, o rei do país de Exipto, o teu irmán, están en paz.
O escrito acaba cunha serie de invocacións aos deuses e de maldicións a quen incumpra o acordado, xunto con toda clase de bos desexos para todos mentres estea en vigor. Quebrantalo equivalía a violar a lei divina, xa que estaba baixo a advocación dos deuses.
Consecuencias
[editar | editar a fonte]O pacto foi respectado, e a partir de entón houbo unha grande actividade comercial entre ambos os países: consta a visita de arquitectos exipcios á corte hitita e a venda de ferro a Exipto, que saíu así da Idade de Bronce.
Máis tarde, en -1256 correspondente ao ano 34 do reinado de Ramsés, o faraón e o rei hitita consolidaron o Tratado mediante lazos de sangue: a filla de Hattusilis foi enviada a Exipto como esposa de Ramsés, que a fixo Grande Esposa Real co nome de Maat-Hor-Nefru-Re.
A partir de Qadesh, Exipto e Hatti permaneceron en paz durante aproximadamente 110 anos, ata que en -1190 o segundo deles foi completamente destruído polos Pobos do Mar.