Saltar ao contido

Toxina amnésica dos moluscos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A toxina amnésica dos moluscos (tamén coñecida polo acrónimo inglés ASP, de Amnesic Shellfish Poisoning), é un grupo de biotoxinas mariñas representadas principalmente polo ácido domoico e os seus isómeros. Polo de agora lévanse identificados nove isómeros.

A toxina está producida por diferentes especies de diatomeas do xénero Pseudo-nitzschia. En Galicia coñécese desde 1995, e a única especie involucrada ata agora é a Pseudo-nitzschia australis.

Síntomas da intoxicación

[editar | editar a fonte]

A estrutura molecular do ácido domoico lembra a do glutamato ou ácido glutámico, un aminoácido neurotransmisor que actúa no córtex cerebral humano e pode unirse ós receptores cerebrais para este aminoácido no hipocampo e a amígdala, zonas cerebrais relacionadas coa memoria, actuando como unha excitotoxina moi activa.

A intoxicación por ASP provoca cadros diferentes segundo a dose inxerida e a sensibilidade particular de cada persoa. En casos leves aparecen xa nas primeiras 24 horas síntomas gastrointestinais, como náuseas, vómitos, dores abdominais e diarrea. Nos casos graves pode observarse unha sintomatoloxía nerviosa máis característica, con amnesia (perda da memoria), debilidade, confusión, somnolencia e vertixe. Os danos neurolóxicos poden ser permanentes e, en ocasións, a intoxicación pode ser mortal.

O primeiro caso estudado de intoxicación por ASP data de 1987, nun gromo no Canadá por consumo de mexillóns. Aínda que o ácido domoico xa era coñecido nas algas non se sabía que puidese provocar intoxicación no consumidor.

A toxina pode detectarse, ademais de nos moluscos, en crustáceos e peixes.

O método oficial para a cuantificación da toxina ASP é a cromatografía líquida de alta resolución (CLAE ou a forma inglesa, HPLC).

A normativa vixente (Regulamento CE nº 853/2004 polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal) fixa un límite máximo de 20 microgramos de ácido domoico por gramo de vianda (corpo enteiro do molusco ou calquera parte cosumible por separado).

A única medida de control contra a intoxicación por certas biotoxinas é a vixilancia da evolución dos dinoflaxelados na auga de mar e as mostraxes periódicas de moluscos nas distintas zonas de produción. Cando os resultados destes controis indican que os niveis de toxina alcanzan os límites considerados seguros, dítase a prohibición de extracción de moluscos ata que sucesivos controis analíticos demostren o descenso da toxina nos moluscos e garantan a súa aptitude para o consumo.

Estes controis analíticos son realizados, de modo oficial, polas Consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos e mais pola de Sanidade. Simultaneamente, os establecementos que comercialicen os moluscos (centros de depuración, cocedoiros ou fábricas de conservas), deben tamén realiza-los seus propios controis dentro dos seus programas de autocontrol (APPCC) como responsables que son da seguridade dos produtos que poñen no mercado.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • Marine biotoxins. 4. Amnesic Shellfish Poisoning (ASP) [1].