Tomintoul

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua no centro de Tomintoul

Tomintoul é unha pequena vila do concello de Moray, ao norte de Escocia.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Tomintoul ten uns 300 habitantes (322 no censo de 2001[1]) e está situada nunha zona montañosa ao norte de Escocia. A súa altitude é de 345 m sobre o nivel do mar, o que a converte nunha dos lugares habitados máis elevadas do país, ao leste de Inverness e ao norte dos montes Cairngorns.

Economicamente, está situado ao pé dunha importante vía de paso, do que se beneficia unha pequena industria turística. Nas súas proximidades poden visitarse as destilerías doutras famosas marcas de whisky, que aproveitan as augas do Avon e mais unha estación de esquí.

Historia[editar | editar a fonte]

O topónimo parece provir dun termo do gaélico escocés que significase o outeiro das cortes, pero foi fundado recentemente, a mediados do século XVIII. Daquela, como consecuencia das guerras xacobitas, o enxeñeiro William Cauldfield abriu unha estrada (a actual A939) para comunicar polo interior Aberdeen e Inverness. En 1775, vinte anos despois, foi planificada como vila polo urbanista Alexander Gordon, duque de Gordon, e a súa poboación aumentou rapidamente. En 1841 superaba os 1500 habitantes, pero cando en 1860 a visitou a raíña Vitoria dixo dela que era o sitio de aspecto máis pobre que nunca vira. A poboación decreceu tamén rapidamente ao longo do século XX ata chegar ás cifras actuais.

Pertencía ao condado de Banffshire ata que a última reforma administrativa, de 1996, suprimiu os condados e integrou a Tomintoul no concello de Moray.

Cultura[editar | editar a fonte]

Aquí viviu a escritora Mary Barnes ata a súa morte en 2001. Ademais, foi o escenario do filme escocés One Last Chance, dirixido por Stewart Svaasand.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Censo de Tomintoul en 2001". Arquivado dende o orixinal o 09 de novembro de 2005. Consultado o 03 de abril de 2008.