Thomas Leighton Decker

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Thomas Leighton Decker
Nacemento25 de xullo de 1916
 Freetown
Falecemento7 de setembro de 1978
 Londres
NacionalidadeSerra Leoa
Alma máterFourah Bay College
Ocupaciónlingüista, xornalista e poeta
editar datos en Wikidata ]

Thomas Alexander Leighton Decker, nado en Calabar o 25 de xullo de 1916 e finado en Londres o 7 de setembro de 1978, foi un lingüista, escritor e xornalista de Serra Leoa. Coñecido polo seu traballo na lingua krio e pola súa tradución do Xulio César de Shakespeare a esa lingua.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Thomas Decker naceu en Nixeria de pais procedentes de Serra Leoa. Seu pai, Joseph Leighton Decker foi un agrimensor colonial e arquitecto, mentres súa nai, Jane Decker (de solteira Fraser) era comerciante, e descendente de David Pakudi Fraser, un escravo liberado en Serra Leoa e de orixe nixeriana que se asentou en Murray Town despois de ser liberado dun barco de escravos. Thomas cursou estudos en Lagos ata a morte de seu pai en 1920, cando a súa nai decidiu volver a Serra Leoa e pasou a estudar en Freetown. Logo de graduarse en maxisterio no Fourah Bay College pasou dezaoito meses ensinando.

Xornalismo[editar | editar a fonte]

Pasou entón a dedicarse ao xornalismo, traballou para oAfrican Standard e foi editor dun dos primeiros periódicos da colonia, o Daily Guardian. Entre 1950 e 1967 traballou para a administración en diversos postos de confianza dos servizos de información e relacións públicas do ministerio de información. Detido en 1967 acusado de participar nun intento de golpe de estado un tribunal sentenciouno a morte pero a pena anulouse nunha apelación posterior.[1]

Actividades políticas[editar | editar a fonte]

Decker foi membro da West African Youth League fundada por Isaac Wallace-Johnson en 1935, e que tiña unha forte mensaxe anticolonialista, loitando pola igualdade e indenpendencia de Serra Leoa e os seus cidadáns. Decker cría na unificación do protectorado e da colonia, nas que se dividía o territorio dende 1924, e nesa Serra Leoa unida, a lingua krio debería ter un papel esencial.

Lingua krio[editar | editar a fonte]

Thomas Decker foi unha das primeiras persoas en utilizar para a lingua franca de Serra Leoa o nome "krio"[2]. Argumentaba que o amplo uso do krio ao longo do país sería unha forza unificadora para a nación logo da independencia. O traballo de Decker na lingua sentou as bases para o rexurdimento e apreciación pola lingua que ata entón se vía como unha forma corrompida da lingua inglesa e non como unha lingua de seu. Decker desenvolveu as súas teorías sobre o krio nunha serie de columnas no xornal Daily Guardian ao longo de 1939 que culminaron co sketch Boss Coker befo St. Peter que publicou o 24 e 25 de outubro dese ano e que sentaron as bases da literatura e lingüística krio[3]. Mesmo chegou a suxerir que o xornal se publicase integramente en krio, o que non aceptaron os propietarios[4]. Traduciu ao krio Xulio César, As You Like It e sonetos de William Shakespeare, así como algunhas partes da Biblia mais tamén escribiu poesía orixinal.

Publicacións[editar | editar a fonte]

  • Juliohs Siza (1964)
  • Udat de kiap fit: a Krio adaptation of As You Like It (1966)
  • Tales of the Forest (London: Evans Bros, 1968)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. George Tregson Robert "A Tropical Bard And The Bard Of Avon: Shakespeare In The Hands Of Thomas Decker, A Sierra Leonean Dramatist" litro.co.uk, 7 de maio de 2014
  2. Akintola J. G. Wyse (1989) The Krio of Sierra Leone: An Interpretive History International African Institute, p. 6
  3. Neville Shrimpton "Thomas Decker and the Death of Boss Coker" Africa: Journal of the International African Institute Vol. 57, Nº. 4, Sierra Leone, 1787-1987 (1987), pp. 531-545
  4. Leo Spitzer "Creole Attitudes Toward Krio. A Historical Survey". African Language Review Nº 5 (1966) pp. 39-49 '