The Gits foi unha banda estadounidense de punk rock formada en Yellow Springs, Ohio, en 1986.[1][2] Como parte da florecente escena musical de Seattle de principios dos anos 90, eran coñecidos polos seus feroces concertos. Os seus membros eran a vocalista Mia Zapata, o guitarrista Joe Spleen (nado Andy Kessler), o baixista Matt Dresdner e o batería Steve Moriarty.[3] Disolveuse en 1993 tras o asasinato de Zapata.
Durante a súa existencia a banda publicou dous álbums de estudio, un recompilatorio das súas primeiras gravacións, un álbum ao vivo, tres sinxelos de 7 polgadas e apareceu en varios recompilatorios. O grupo gravou cun feixe de selos independentes, e publicou os seus dous álbums de estudio a través de C/Z Records. En 2003 todos os seus lanzamentos foron remasterizados e reeditados cn temas extra a través de Broken Rekids.