Teodorico Luna Novicio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaTeodorico Luna Novicio
Biografía
Nacementoséculo XIX Editar o valor em Wikidata
Baler Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeFilipinas
España Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar Editar o valor em Wikidata
Cronoloxía
30 de xuño de 1898-2 de xuño de 1899Sitio de Baler Editar o valor em Wikidata

Teodorico Luna Novicio, nado en Baler, Filipinas, foi un líder revolucionario durante a revolución iniciada en Filipinas polo Katipunan en 1896.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Teodorico Luna educouse na Loxa Masónica de Manila. Alcanzou o grao de Comandante militar dos rebeldes do Distrito El Príncipe, e instalouse en Biak-na-Bato. En 1897, abandonou a serra e dirixiuse cara a Baler, recrutando varios rebeldes durante o traxecto. O 20 de setembro chegou á vila e instalouse na xungla dos arredores, nun lugar inaccesible para as tropas españolas. Desde aí enviaba os seus homes para que, en segredo, informasen aos seus parentes e amigos na vila acerca da súa chegada. Contactou con Antero Amatorio, gobernadorcillo (alcalde) de Baler, a quen contou os seus plans de liberar a vila do dominio español e pediulle axuda para levalos a cabo e que distribuíse uns pasquíns redactados por Emilio Aguinaldo nos que denunciaba os abusos dos españois sobre os filipinos, explicando a importancia de acabar co destacamento de Baler e dando instrucións á poboación.[1]

Teodorico instou á xente da vila a levantarse en armas contra a gornición a madrugada do 4 ao 5 de outubro. Antes do ataque, nomeou a Antero Amatorio como Capitán Administrativo, a Miguel de Infanta como cabeza do Barangay, a Norberto Valenzuela e Ricardo Novicio como capitáns e a Moisés Sisón como Tenente. O 7 de outubro chegou a Baler o Manila e o seu capitán, enviado para intercambiar noticias, atopouse co comandante da gornición, José Mota e o cura mortos, soldados mortos sen enterrar e uns poucos sobreviventes atrincheirados na igrexa.

O goberno de Manila, tras recibir as noticias, enviou un destacamento de 100 homes ao mando do Capitán Jesús Roldán Maizonada, que foi asediado durante tres meses polos rebeldes de Teodorico. O 23 de xaneiro de 1898, chegaron 400 homes máis, co xeneral Génova á fronte, pero ao asinarse o Pacto de Biak-na-Bato e recibir Teodorico ordes de renderse de Aguinaldo, o goberno decidiu substituílos ao pouco tempo por un destacamento de 50 homes do Batallón Expedicionario de Cazadores nº 2, comandados por Juan Alonso Zayas.

O Sitio de Baler[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sitio de Baler.

Alonso embarcou en Manila rumbo a Baler a principios de 1898, onde chegou en febreiro, xunto ao tenente Saturnino Martín Cerezo e o recentemente nomeado gobernador civil e militar do distrito, o capitán de Infantaría Enrique de las Morenas y Fossi.

A pesar de que entre Baler e Manila apenas había 100 quilómetros, as comunicacións por terra eran practicamente inexistentes, sendo o barco o medio habitual para a recepción de mercadorías e noticias.[2]

Teodorico, volveu ao pobo e en maio, tras renovar os recrutamentos na zona, os rebeldes, cortaron as comunicacións de Baler. Ao non poder enviar noticias por correo á Capitanía xeneral, o gobernador púxose en contacto con Teodorico Luna, do que non sospeitaba que seguía pertencendo aos rebeldes, para pedirlle que lle indicase unha persoa que puidese levar unha mensaxe ao Gobernador de San Isidro para que este, á súa vez, o remitise a Manila explicando a situación. Luna presentoulle a Ramilo, ao que lle entregou unha mensaxe cifrada. Ao pouco, volveu a Baler dicindo que foi capturado e a mensaxe interceptada, aínda que afirmou que os inimigos non foron capaces de lelo e el non revelou a procedencia, así que o romperon e non lle deixaron continuar o camiño.[2]

O 24 de xuño, Alejo, un prisioneiro filipino que fora posto ao servizo do gobernador español e tiña permiso para moverse por todas partes, deu o aviso para o abandono do pobo e vaise, roubando o sabre do médico, Rogelio Vigil de Quiñones. Tras tentar capturalo sen éxito, os filipinos fixeron chegar aos españois noticias de que se uniu aos insurrectos de Patabangán, que chegarían a Baler o 27 co fin de matar a Luna por non unirse ao levantamento. Ao ir avisar a Luna da situación, a familia dixo aos militares que se foi ao monte e que non volvería nuns días. En realidade era o xefe dos insurrectos do Distrito El Príncipe e fora a por armas para unirse aos homes de Patabangán para asaltar o posto de Baler.

O 30 de xuño, Teodorico tendeu cos seus homes unha emboscada a unha patrulla rutineira española ao mando de Cerezo resultando ferido o cabo Jesús García Quijano, comezando así o sitio.[2]

Os españois, refuxiáronse na igrexa do pobo por ser o edificio máis sólido e defendible en caso de prolongarse a situación, que, finalmente, durou 337 días. O 18 de outubro, Alonso, morreu de beriberi, sendo substituído ao mando do destacamento até o final do sitio polo Tenente Martín Cerezo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ""Los españoles nos han hecho sufrir con opresión y humillaciones.". Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2016. Consultado o 20 de abril de 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Baler Seige" (en inglés). Consultado o 20 de abril de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]