Taifa de Granada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Taifa de Granada, ou Reino zirí de Granada, foi un reino independente musulmán que xurdiu no Al-Ándalus en 1013, por mor da desintegración que viña sufrindo o Califato de Córdoba desde 1009, e que desapareceu ao ser conquistado polos almorábides en 1090, pertencendo cronoloxicamente aos primeiros reinos de taifas.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Reinado de Zawi ben Ziri (1013 -1019)[editar | editar a fonte]

Os Banu Ziri, familia bérber encabezada por Zawi ben Ziri, en 1013 fíxose co control da Cora de Elvira, cuxa capital era Medina Elvira, e constituíron a taifa de Granada. Como a cidade de Elvira se atopaba nunha localización de difícil defensa, Zawi ben Ziri decidiu trasladar a capital do reino taifa a Medina Garnata, a actual Granada. En 1019, Zawi deixou Granada coa intención de facerse co goberno de Ifriquiya, rexión norteafricana da que era oriúndo, aproveitando que o rei falecera e o seu herdeiro era menor de idade. Esta decisión supúxolle a perda do trono granadino a mans do seu sobriño Habús ben Maksan e a morte por envelenamento.

Reinado de Habús ben Maksan (1019-1038)[editar | editar a fonte]

O reinado de Habús ben Maksan supuxo un gran desenvolvemento político, cultural e económico da taifa de Granada, no que tivo un gran protagonismo o xudeu Samuel ben Nagrela, que en 1030 foi nomeado visir e que progresivamente se converteu no verdadeiro gobernante da taifa até a súa morte en 1057. Neste período, o territorio da taifa estendeuse cara ao norte, abarcando boa parte da antiga cora de Yayyan.

Reinado de Badis ben Habús (1038-1073)[editar | editar a fonte]

Taifas en 1037.

A Habús ben Maksan sucedeulle no trono o seu fillo Badis ben Habús, aínda que unha parte da corte granadina apoiou ao seu sobriño Yaddair ben Hubasa, quen organizou unha conxura para facerse co trono, que fracasou grazas a Samuel ben Nagrela, que ao avisar ao rei logrou reforzar a súa posición no reino.

En 1038 o enfrontamento de Badis ben Habús con Zuhair, rei da taifa de Almería, permitiu ao monarca zirí facerse con parte do territorio da taifa almeriense. Ao ano seguinte logrou frear as ansias expansionistas de Abú al-Qasim, rei da taifa de Sevilla, ao derrotalo en Écija en coalición coa Taifa de Málaga e a Taifa de Badaxoz.

En 1057 conquistou a taifa de Málaga anexionándoa ao seu reino e colocando como gobernador ao seu fillo primoxénito Buluggin ben Badis, quen con todo non chegaría a suceder ao seu pai á fronte da taifa granadina, xa que morreu envenado en 1064 ao parecer por orde de José ben Nagrela, quen sucedera como visir ao seu pai Samuel. A morte do primoxénito colocou ao seu segundo fillo Maksan ben Badis como herdeiro ao trono, pero novamente as intrigas do visir José ben Nagrela fixeron que Maksan fose desterrado a Xaén onde se declarou rei independente. José seguiu conspirando contra Badis ben Habús e, en 1066, chegou a un acordo co rei da taifa de Almería, Muhammad ben Ma’n al-Mu’tasin para que este se fixese con Granada. A conspiración chegou a oídos do pobo que se levantou asasinando ao visir José e á maior parte de poboación xudía da cidade.

Trala morte do visir José, o cargo foi ocupado sucesivamente polo árabe Al-Naya e tras o asasinato deste polo mozárabe Abú-l-Rabí, quen manobrou con éxito para que Badis ben Habús non nomeara sucesor ao seu fillo Maksan, quen xa perdera Xaén a mans dos sevillanos e que se atopaba refuxiado na taifa de Toledo, senón ao seu neto Abd’Allah ben Buluggin.

Reinado de Abd’Allah ben Buluggin (1073 -1090)[editar | editar a fonte]

Os reinos de taifas cara a 1080.

Á morte de Badis ben Habús en 1073, descartado como sucesor o seu fillo Marksan, os dous aspirantes ao trono foron os seus netos Tamim e Abd’Allah. Este último sería quen lograría o trono, xa que a pesar de ser máis novo que o seu irmán Tamim, a súa mocidade facíao máis facilmente manexable polo visir. Ademais Tamim residía en Málaga, onde se declararou rei independente ao non conseguir o trono granadino. O reinado de Abd’Allah iniciouse sufrindo a presión que exercían sobre a taifa granadina tanto Afonso VI de León como Al-Mu'tamid, o rei da taifa de Sevilla, que uniron as súas forzas cando Abd’Allah negouse a pagar as parias ao rei castelán-leonés. A toma de Córdoba en 1075 por Al-Mamún, rei da taifa de Toledo, supuxo un alivio na presión militar que estaba a sufrir a taifa de Granada. No entanto esta presión volveu acrecentarse trala conquista de Córdoba por Al-Mu'tamid en 1077, que levou a Abd’Allah a aceptar o pago de parias a Afonso VI en 1078.

En 1082 a taifa de Granada sufriu unha nova agresión desde a taifa de Málaga, gobernada por Tamim ben Bullugin. Abd’Allah organizou un forte exército e tras tomar numerosos castelos cercou a propia cidade de Málaga, obrigando ao seu irmán a pedirlle perdón e facéndose con parte do territorio malagueño.

En 1085 Afonso VI tomou Toledo, provocando isto que Abd’Allah e os reis das taifas de Sevilla e Badaxoz, solicitasen o auxilio dos almorábides, quen entraron na Península Ibérica en 1086 a través de Alxeciras, derrotando ao rei castelán-leonés na batalla de Zalaca. Trala vitoria, vendo os almorábides a gran debilidade das taifas causada polas súas continuas disputas, enfrontáronse a elas, sendo conquistada a de Granada en 1090.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Historia de España Menéndez Pidal (1999).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]