Suffolk (ovella)
A suffolk é unha raza de ovella de cabeza escura, moi popular en Gran Bretaña, en Australia e nos Estados Unidos.
Características
[editar | editar a fonte]A suffolk é unha raza cruzada entre carneiros de southdown e femias de norfolk de cornos. É unha ovella de tamaño medio, con carneiros adultos que acadan entre os 115 e os 160 kgs., e femias que se moven entre os 80 e os 115 kgs. Caracterízase pola súa cabeza negra e sen cornos, sen la, pero cuberta de pelo. O fociño é alongado e romo, e as orellas, de tamaño medio, caen aos lados da cabeza cara a adiante, facendo ángulo coa boca. A la é branca.
As patas, non demasiado longas, son tamén escuras.
Historia
[editar | editar a fonte]As suffolk orixinarias foron o resultado do cruzamento de carneiros de southdown con ovellas de norfolk de cornos, cruzamentos que se comezaron a realizar na área de Suffolk, en Inglaterra. Era unha ovella que se adaptaba ben ao sistema tradicional de gandaría extensiva no inverno e de granxa no verán. En 1810 recoñécese a raza como tal, pero aínda tardan en formarse os primeiros rabaños. En 1886 a Sociedade Inglesa das Suffolk organiza o primeiro libro de rexistro da raza.
En 1888 comezan as exportacións de ovellas suffolk aos Estados Unidos, pero non se expande realmente ata a partir de 1919.
Rendibilidade
[editar | editar a fonte]A raza, primeiramente dedicada á produción de carne, ofrece tamén uns bos rexistros de produción de la: un exemplar adulto de suffolk acada entre 2,2 e 3,6 kgs.