Saltar ao contido

Subvertising

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O anglicismo subvertising refire a práctica de parodiar os anuncios políticos, corporativos ou comerciais co obxecto de manifestar a propia posición respecto das empresas, corporacións ou institucións anunciantes que se serven da publicidade como arma ideolóxica.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

Os subverts forman parte do mundo da contrapublicidade pero este último concepto publicitario, usual no contexto hispánico, non describe nin connota o que no mundo anglosaxón se refire por medio dos neoloxismos "subvert" e "subvertising".

Como manifestación publicitaria de denuncia, os "subverts" poden tomar a forma dunha nova imaxe que se corresponde parcialmente co anuncio orixinario ou pode alterar ou manipular máis ou menos drasticamente a imaxe existente.

Segundo AdBusters, unha emblemática revista da contracultura canadense,"un 'subvert' ben producido imita a forma e aparencia do anuncio orixinario, promovendo o clásico 'dobre sentido' pois os espectadores ou receptores adquiren de repente consciencia de que foron 'manipulados'. Os subverts crean disonancia cognitiva. Son capaces de transcender a hipérbole e a brillantez da realidade mediatizada e de revelar súbita e momentaneamente unha verdade subxacente máis profunda".

O anglicismo subvertising procede do entrecruzamento das palabras "subvert" 'subverter' e "advertising" 'publicidade'. Un dos principais obxectivos dos "subvertisements", coñecidos normalmente como subverts (cf. adverts 'anuncios'), é moitas veces a sabotaxe política de candidatos e campañas políticas e de corporacións e empresas multinacionais. Do mesmo xeito que se creou o termo de contrapublicidade (en contraste con publicidade) podería recrearse un substantivo deverbal novo como "denuncio" a partir de "denunciar" que xogase con "anuncio" a través do cambio do prefixo. (cf. "anuncio" vs "denuncio" a maneira de "advert" vs "subvert").

Os puntos de vista liberal e radical son xeralmente os predominantes no mundo do "subvertising", pois unha das ideas agochadas detrás do concepto é a de incitar ó cambio ó presentar imaxes facilmente recoñecibles e intelixibles que poden chegar a ser chocantes e inquietantes na súa franqueza. Por outra parte, hai xente que cre que os subverts son parodias que recordan demasiado os símbolos políticos e comerciais que refiren e que non fan máis que darlle unha maior publicidade da que xa teñen. Desde esta perspectiva, os subverts máis que desafiar as imaxes e iconas que critican acaban por dar soporte ó que están intentando destruír.

Segundo subvertise.org: "O subvertising é a arte da resistencia cultural. É a 'pintada do muro', a 'pegata do poste da luz', o refraseo corrixido dos valos publicitarios, a parodia, a camiseta con mensaxe; pero participa ademais do desafío do sentir das opinións políticas da rúa. A idea básica implica redefinir ou mesmo reivindicar o medio en que vivimos fronte a 'bestia corporativa'."

A contrapublicidade tamén é ás veces usada por publicitarios de campañas políticas para difamar ós seus opoñentes ou chegar ás mentes dos votantes e gañar o seu apoio. Foi utilizada por exemplo polo Bloque Nacionalista Galego na última campaña electoral cando refraseou un anuncio en prensa co eslogan "Pensa en todos nós" do Partido Popular de Galicia cun "Pensa e lembra" no que se listaban os supostos fracasos da política de Fraga fronte ás promesas de futuro do anuncio dos conservadores.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]