Suévia FG

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Suévia Futebol Gaélico, Suévia FG ou simplemente Suévia é un equipo de fútbol gaélico mixto de Santiago de Compostela. Creouse no verán do ano 2012 co impulso de persoas vinculadas ao deporte de base da cidade así como co apoio da asociación A Gentalha do Pichel. O seu primeiro adestramento aberto foi en setembro dese mesmo ano[1]. O equipo foi un dos fundadores e impulsores da Liga Gallaecia, competición mixta a nivel galego creada no ano 2013[2].

Historia[editar | editar a fonte]

Como equipo afeccionado e popular dunha disciplina deportiva minoritaria, tivo e ten dificultades para desenvolver a súa actividade en Santiago, recorrendo a campos doutros concellos (o campo Juan Amado en Pontevea), a campos das periferias (Aríns ou Marrozos) ou a instalacións deficientes da cidade (campo da Colexiata de Sar). A colaboración co asociacionismo veciñal e con outros clubs afeccionados foi esencial para poder levar a cabo as súas actividades.

Derivado da decisión da asemblea da Suévia de manter a vía do impulso da competición mixta (é dicir, competir homes e mulleres no campo, a Liga Gallaecia) un grupo abandonou o equipo formando o Estrela vermelha FG no 2013. Porén, os dous clubs conviviron e colaboraron para compartir material e campos de adestramentos durante un ano até a definitiva separación dos dous proxectos.

Como gran parte dos equipos mixtos de fútbol gaélico do país, a Suévia está vinculada co centro social da súa cidade, O Pichel.

A nivel deportivo a Suévia participou en todas as edicións da Liga Gallaecia desde a súa fundación mais nunca foi quen de se facer co título de Liga -mais si dunha Taça Gallaecia[3]-.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Eva Cortinhas, do Suévia FG, de Compostela: "Pretendemos fomentar o desporto de base"". www.diarioliberdade.org. Consultado o 2023-08-17. 
  2. "A Liga Gallaecia | Liga Gallaecia" (en portugués). Consultado o 2023-08-17. 
  3. "Taça Gallaecia 2017 | Liga Gallaecia" (en portugués). Consultado o 2023-08-17.