St. Anger é o oitavo álbum da banda estadounidense de heavy metalMetallica, publicado o 5 de xuño de 2003 a través do selo Elektra Records. Foi o seu primeiro traballo do século XXI e o derradeiro editado por Elektra, poñendo fin ao período máis longo entre álbums do grupo ao pasar case seis anos dende a edición de Reload. St. Anger ía ser editado orixinalmente o día 10 de xuño, pero lanzouse cinco días antes debido a que comezou a distribuírse sen permiso a través de redes peer-to-peer. O álbum marcou a última colaboración entre Metallica e o produtor Bob Rock, relación que empezara co quinto traballo de estudio do grupo, Metallica, editado en 1991.
St. Anger é o primeiro álbum de Metallica dende ...And Justice for All que non conta co baixista Jason Newsted. Newsted deixou a banda antes das primeiras sesións de gravación do disco, deixando a Rock temporalmente no seu posto ata que o grupo atopase a alguén que o substituíse. As gravacións iniciáronse o 23 de abril de 2011, pero postpuxéronse indefinidamente cando o guitarrista rítmico e cantante James Hetfield iniciou un proceso de rehabilitación por "alcolismo e outras adicións".
St. Anger estreouse no primeiro posto das listas de 30 países, incluída a estadounidense Billboard 200. Tras o seu lanzamento recibiu críticas negativas e tivo unha mala recepción. En 2004, o seu principal sinxelo, "St. Anger", gañou o Grammy á "Mellor interpretación de metal". O álbum foi certificado dúas veces platino pola RIAA e leva vendidas 7 millóns de copias en todo o mundo.