Simplesiomorfía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cinco dedos na extremidade anterior dun lagarto.

En cladística, unha simplesiomorfía (algúns escriben sinapomorfia) ou estado de carácter simplesiomórfico, é un trazo ou carácter compartido por dous taxons emparentados, cando este coincide co carácter presente no antepasado común de ambos. É dicir, cando o carácter representa o estado ancestral.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo simplesiomorfía foi introducido en 1950 polo entomologo alemán Willi Hennig.

Está formado polos elementos sim-, -plesio- e -morfía, tirados das voces do grego antigo σύν, sýn, 'xuntos'; πλησίος, plēsíos, 'veciño', e μορφή morphḗ, 'forma'.[1]

Exemplo[editar | editar a fonte]

Un exemplo de simplesiomorfía é a posesión de cinco dedos por moitos vertebrados tetrápodos (pentadactilia), para os que representa o estado ancestral. En moitos grupos adaptacións específicas reduciron o seu número, pero a man humana comparte este carácter con, por exemplo, os lagartos.

Simplesiomorfía e monofiletismo[editar | editar a fonte]

Porén, as simplesiomorfías non son unha indicación de que os taxons sexan considerados máis estreitamente relacionados entre si que cos taxons máis distantes, aínda que todos compartan o estado do carácter máis ancestral.[2]

Na sistemática cladística deféndese que os grupos ou taxons non poden basearse en simplesiomorfías, senón que deben facelo en sinapomorfías. Pero na sistemática evolutiva clásica admítense tamén grupos parafiléticos, que non cumpren estritamente esta condición.

Polo tanto, a presenza de cinco dedos nas extremidades non permite funbdamentar a monofilia dun grupo constituído, por exemplo, polos primates e os crocodilos, por tratarse dunha mera simplesiomorfía, igual que a posesión dunha epiderme ciliada en todos os platihelmintos de vida libre, non fundamenta a monofilia do taxon dos turbelarios cos platihelmintos parasitos.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. symplesiomorphy Arquivado 26 de marzo de 2017 en Wayback Machine. en Oxford Livign Dictionaries.
  2. Futuyma, Douglas J. (1998). "Evolutionary Biology" (3rd ed.). Sunderland, Massachusetts: Sinauer Associates, Inc.: 95. ISBN 0-87893-189-9. 
  3. Garrido, Carlos (1977): dimplesiomorfia, en: Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Corunha: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-87305-12-1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Tudge, Colin (2000): The Variety of Life. Oxford (UK): Oxford University Press. ISBN 0-19-860426-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Funk, D. J. & Omland, K. E. (2003): "Species-level paraphyly and polyphyly: Frequency, cause and consequences, with insights from animal mitochondrial DNA". Annu. Rev. Ecol. Evol. Syst. 34: 397–423. Artigo en PDF Consultado o 25/03/2017.