Saltar ao contido

Signo lingüístico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Signo Lingüístico
Signo Lingüístico

Un signo lingüístico é unha entidade formada pola unión dun significado (un concepto) e dun significante (unha forma sonora ou imaxe acústica). Por exemplo, a palabra galega árbore é un signo lingüístico que asocia o concepto de árbore coa imaxe sonora /'arbore/.

Características

[editar | editar a fonte]

O signo lingüístico posibilita o intercambio de contido entre os seres humanos a pesar das diferentes experiencias de cada individuo pero estes signos lingüísticos non existen de forma illada senón que forman parte dunha lingua.

A noción de signo lingüístico foi definida por Ferdinand de Saussure no seu Cours de linguistique générale (Curso de lingüística xeral). Saussure suliñou tres características importantes do signo lingüístico:

  1. A arbitrariedade do signo: a unión entre o significante e o significado é arbitraria (é dicir inmotivada), pois un mesmo concepto pode estar asociado a imaxes acústicas diferentes segundo as linguas.
  2. O carácter lineal do significante: « o significante, ao ser de natureza auditiva, desenvólvese no tempo ». Os elementos dos significantes preséntanse obrigatoriamente uns despois dos outros, segundo unha sucesión lineal: forman unha cadea.
  3. A inmutabilidade do signo: o significante asociado a un concepto dado imponse á comunidade lingüística: un locutor non pode decidir modificalo arbitrariamente.
  4. A mutabilidade do signo: os signos lingüísticos poden non obstante seren modificados polo tempo, pola evolución (modificacíón do significante, do significado ou da súa relación).

A ciencia que estuda os signos lingüísticos é a semiótica (ou semioloxía, segundo o senso dado a este último termo). A que estuda os conceptos desde un punto de vista lingüístico é a semántica, mentres que a fonética e a fonoloxía describen a imaxe sonora dos signos lingüísticos.

Na actualidade

[editar | editar a fonte]
  1. O signo é forma, non substancia.
  2. Presenta unha dobre cara: Plano da expresión e do contido.
  3. Arbitrariedade: A súa significación (relación entre a forma da expresión e a do contido) é arbitraria.
  4. Presenta interpretancia (Benveniste): Os signos dunha lingua defínense na súa relación cos outros. Conforman sistemas.
  5. Presenta significancia (Benveniste): O signo pode combinarse con certos signos e non con outros. Benveniste observou que a linguaxe verbal é a única que posúe estes dous últimos aspectos simultaneamente.
  6. É secundario: A secundariedade é a característica que permite que o signo desenvolva funcións como:
    1. Producir frases que rexeitan tanto a denotación como a representación.
    2. Os signos poden empregarse nun sentido do cal a comunidade lingüística non teñen coñecemento previo.
  7. Institucionalidade: O signo é sempre institucional dentro dunha sociedade.
  8. Perceptibilidade: Un signo existe inda que non sexa percibido. A súa percepción será sempre posible.
  9. Variabilidade: ningún signo ten a mesma forma e o mesmo valor para tódolos individuos e en tódolos momentos que se emprega
  10. Mutabilidade: A pesar da súa institucionalidade o signo evoluciona fonética e semanticamente como elemento pertencente a un sistema que é un ser vivo e encarnado nunha sociedade humana.
  11. O signo lingüístico é síntoma como expresión do falante (en canto manifesta algo acerca de quen o produce) , é sinal en relación co oínte, co receptor; e é símbolo en relación co seu significado (en canto designa cun concepto algo pertencente á realidade) Segundo Coseriu o carácter simbolico do signo é o que diferencia a lingua articulada das linguas animais (Coseriu, Introdución... páx.23).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]