Show, don't tell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Show, don't tell (Mostrar, non contar) é unha expresión de técnica narrativa de procedencia anglosaxoa.

Úsase como unha recomendación para os escritores que fan uso excesivo de explicacións e comentarios en detrimento da acción e os diálogos. Se o escritor utiliza a acción e o diálogo para presentar un personaxe, a trama ha ser máis interesante para o lector. Este último debe sentir coma se vise a escena desenvolvéndose perante el e, en consecuencia, chegar á súa propia interpretación, sen interferencia ostensible do autor.

Un dos primeiros exemplos de tal suxestión vén de Henry James. No prefacio da edición de Nova York da súa obra Daisy Miller, deixou unha marxinalia a pluma para non esquecerse de "¡Dramatizar, dramatizar!".

A importancia deste recurso narrativo na ficción contemporánea é salientado pola crítica:

Fredric Jameson apunta tres indicacións técnicas que vencellan a novela coas anteditas modificacións na subxectividade e nas relacións de clase desde a segunda metade do século XX; pódense resumir así: escribir sobre o que se coñece, amosar en troques de contar, atopar unha voz propia.[1] 

Ao aplicar a regra de "amosar, non contar", o escritor fai moito máis que dicir ao lector algo sobre un personaxe, presenta o personaxe a través do que este di e fai. Pódese "mostrar" de diversas formas: escribindo escenas; describindo as accións dos personaxes; presentando o personaxe a través do diálogo; mediante as sensacións do personaxe, cando sexa posible.

Amosar é dramatizar unha escena nunha historia, facendo que o lector esqueza que está a ler, axudándoo a descubrir os personaxes, facendo a escritura máis interesante.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lema, Carlos (setembro de 2013). "Cartografía da ficción" (PDF). Anotacións sobre literatura e filosofía (Euseino? Editores) (3): 15. ISSN 2340-8537.