Sebastian Fagerlund
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de decembro de 1972 (51 anos) Pargas, Finlandia |
Actividade | |
Ocupación | compositor |
Sebastian Fagerlund, nado en Parainen o 6 de decembro de 1972, é un compositor finlandés residente en Helsinqui. É considerado como un dos máis interesantes compositores finlandeses da súa xeración.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Sebastian Fagerlund estudou composición na Sibelius-Akatemia de Helsinqui con Erkki Jokinen, finalizando os seus estudos en 2004. Tamén ten asistido a numerosas clases maxistrais de composición con mestres como Michael Jarrel, Magnus Lindberg e Ivan Fedele.[1]
En 2006 estreouse o seu Concerto para Clarinete, que resultou un grande éxito que o levou a ser interpretado en varias ocasións dende aquela e fixo que se lle encargaran máis obras e representacións de importantes orquestras e músicos de todo o mundo.[1] Ao ano seguinte, o Festival de Música de Korsholm - Mustasaari encargoulle a obra orquestral Isola, que dende aquela foi interpretada por diversas orquestras.[1] En novembro de 2013, a BBC Symphony Orchestra estreou no Reino Unido o Concerto para guitarra, que foi gravado para a súa emisión posterior.[1]
En 2011 a Sociedade Teosto outorgoulle o Teosto-palkinto, un dos premios máis importantes na mundo musical finlandés, pola súa obra orquestral Ignite.[2] Ese mesmo ano, Ignite foi seleccionada como obra recomendada no International Rostrum of Composers 2011, en Viena.[1]
Dende 2013 é director artístico do RUSK - Chamber Music Festival de Pietarsaari - Jakobstad (Finlandia).[1][3]
Obra
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lista de composicións de Sebastian Fagerlund.
O catálogo de obras de Fagerlund, ademais de música orquestral, inclúe música vocal, coral, música de cámara, e música para solista. Entre os seus traballos máis recentes destaca o Concerto para violín, escrito para o violinista finlandés Pekka Kuusisto e encargado pola Tampere Filharmonia, e estreado en 2012; tamén destaca o seu Concerto para guitarra e orquestra sinfónica encargado pola Radion sinfoniaorkesteri e estreado en 2013.[1]
A súa música foi descrita como fluída, movemento rápido e rica en son. O fluxo rápido e a elasticidade rítmica son decotío compensados por episodios fráxiles e líricos, e o cambio entre a mobilidade e inmobilidade é unha das características principais da súa música, que transmite un sentimento de alto virtuosismo instrumental e un forte sentimento de mestría musicla, creando dramas musicais nos que o poder da expresión é combinado con intensidade e comunicabilidade.[1]
Gravacións
[editar | editar a fonte]Existen gravacións de composicións de Fagerlund no selo sueco BIS Records.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Edition Peters (ed.). "Sebastian Fagerlund (Biography)". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2014. Consultado o 25 de febreiro de 2014.
- ↑ Teosto (ed.). "What is Teosto prize?". Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2014. Consultado o 25 de febreiro de 2014.
- ↑ RUSK - Chamber Music Festival (ed.). "Artistic Directors". Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2014. Consultado o 25 de febreiro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Perfil de Sebastian Fagerlund en Edition Peters
- Sebastian Fagerlund en Music Finland
- Sebastian Fagerlund en BIS Records Arquivado 02 de xuño de 2021 en Wayback Machine.
- Sebastian Fagerlund – full speed ahead, artigo en fmq.fi