A igrexa, dunha soa nave con muros de cantaría e cachotería con tellado de tella, áchase no medio dunha carballeira centenaria. No seu interior contén un retablo de madeira policromada creado por Tomás de Fachal e Pedro Otero, escultores de Santiago de Compostela.[2] Acaroada ó santuario hai unha pequena capela de 1710 consagrada a Santa Columba que contén unha imaxe da mesma en pedra. Na súa festa, en Pentecoste, reúnense miles de persoas que se achegan a renderlle culto e gozar da celebración.
Neste mesmo lugar atópase a fonte das Pías, con sona de ter propiedades milagreiras e empregada tradicionalmente para remediar as dores de cabeza, de pés, da gorxa, da vista e para afeccións cutáneas.[3] É posíbel que a fonte fose antigamente venerada como lugar de nacemento do río Mandeo.[4]