Luísa de Marillac
Nome orixinal | (fr) Santa Luisa de Marillac |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 12 de agosto de 1591 París () |
Morte | 15 de marzo de 1660 (68 anos) Antártica (região) (Reino de Francia) |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Ocupación | monxa, enfermeira |
Orde relixiosa | Compañía das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 9 de maio |
Familia | |
Cónxuxe | Antoine Le Gras (1613–) |
Fillos | Michel Le Gras |
Pai | Louis de Marillac |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Makers of Nursing History (en) |
Luísa de Marillac, nada en Le Meux o 12 de agosto de 1591 e finada na mesma cidade o 15 de marzo de 1660, foi a cofundadora xunto a Vicenzo de Paúl das Fillas da Caridade, congregación de marcado carácter asistencial. Marillac reformou a atención que se proporcionaba nos hospitais, orfanatos, casas de expósitos, asilos, fogares de adopción, institucións psiquiátricas e centros de axuda na Francia da súa época. Canonizada pola Igrexa católica, a súa solemnidade celébrase o 9 de maio.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Luísa de Marillac naceu fóra do matrimonio o 12 de agosto de 1591[2] preto de Le Meux, en Picardía. Nunca coñeceu a súa nai. Louis de Marillac, Señor de Ferrires (1556-1604),[3] reclamouna como filla natural, mais non como herdeira legal. Louis era membro da prominente familia de Marillac e era viúvo no tempo en que Luísa naceu. O seu tío, Michel de Marillac (1560-1632), era unha figura importante na corte da raíña María de Medici e aínda que Luísa non era membro da corte, viviu e traballou entre a aristocracia francesa. Cando o seu pai casou coa súa nova esposa, Antoinette Le Camus, negouse a aceptar a Luísa como parte da súa familia. Polo tanto, Luísa medrou entre a alta sociedade parisiense, mais sen un fogar estable. No entanto, estivo ben coidada e recibiu a educación no mosteiro real de Poissy, preto de París onde a súa tía era relixiosa dominicana.
En 1604, morta a súa tía, viaxou a París, onde foi o seu titor o seu tío Michel de Marillac, futuro chanceler de Francia. Luísa aprendeu a levar unha casa e entrou nos ambientes de reforma católica da capital, frecuentando as capuchinas de Foubourg Saint-Honoré. Pensou en ingresar nalgunha congregación e fixo voto de servir a Deus e o próximo, mais ao non ter unha boa saúde, non a aceptaron as relixiosas capuchinas.
Matrimonio
[editar | editar a fonte]Abatida por esta negativa, Luísa estaba desorientada sobre o próximo paso no seu camiño espiritual, e aos vinte e dous anos, a súa familia convenceuna de que o matrimonio era a mellor alternativa. O seu tío arranxou a súa voda con Antoine Le Gras, secretario da raíña María. Antoine era un mozo ambicioso que parecía destinado a grandes logros. O casorio tivo lugar na igrexa de St. Gervaise o 5 de febreiro de 1613. En outubro a parella tivo o seu único fillo, Michel. Louise amou a Antoine e foi unha nai atenta co seu fillo. Ademais de estar consagrada á súa familia, Luísa tamén era activa no ministerio da súa parroquia. Tiña un papel líder nas Damas da Caridade, organización de mulleres adiñeiradas dedicadas á asistencia dos que sufrían pola pobreza e as doenzas.[4]
Durante revoltas civís, os seus dous tíos que tiñan altos cargos foron encarcerados. Un deles foi executado publicamente e o outro faleceu na prisión. Arredor de 1621, Antoine contraeu unha enfermidade crónica e finalmente caeu prostrado na cama. Luísa coidouno a el e o seu fillo. En 1623, cando a enfermidade estaba acabando con Antoine, Luísa caeu nunha depresión.[4] Ademais, sufriu durante anos de dúbidas interiores e culpa por non seguir as súas chamadas relixiosas cando era nova. Sentiuse afortunada por como consultor a Francisco de Sales, entón en París,[3] e o seu amigo, o bispo de Belley.[5]
En 1623 escribiu:
Na festa do Pentecoste, durante a Santa Misa cando eu estaba a facer oración na igrexa, a miña mente foi completamente liberada de toda dúbida. Aconselláronme que debía permanecer co meu home e que chegaría un tempo en que estaría en posición de facer votos de pobreza, castidade e obediencia e estaría nunha pequena comunidade onde outras farían o mesmo.
A igrexa era San Nicolao dos Campos de París. Tivo tamén unha visión en que ela sería guiada por un novo director espiritual (Vicente de Paúl) e que esta graza lle sería concedida polo seu defunto confesor, Francisco de Sales.
Tres anos despois faleceu o seu marido e Luísa viuse libre para cumprir o seu desexo de consagrarse á relixión. Escribiu as súas propias "Regras de Vida no Mundo".
Encontro con Vicenzo de Paúl e fundación das Fillas da Caridade
[editar | editar a fonte]Vicenzo de Paúl converteuse no seu director espiritual en 1625. Durante o oito anos seguintes comunicáronse a miúdo a través de cartas e reunións persoais. En 1632, Luísa fixo un retiro para buscar unha guía interna con respecto ao próximo paso a dar. A súa intuición profunda levouna a comprender que chegara o tempo de ir ao mundo a axudar os pobres e necesitados mantendo unha vida espiritual interior. Luísa sentiuse preparada para esta misión e comunicou estas aspiracións a Vicenzo.
No século XVII en Francia o coidado caritativo dos pobres estaba completamente desorganizado. Moitas persoas pouco privilexiadas eran vítimas da inexistencia de coidados ou das malas condicións no hospital. As Señoras da Caridade, fundadas por Vicenzo de Paúl moitos anos antes, proporcionaban algún coidado e recursos monetarios, pero isto non era bastante. Ao comezo de 1633, Luísa asumiu a tarefa de pór orde nese caos. Aínda que as adiñeiradas Señoras da Caridade tiñan fondos para axudar os pobres, non tiñan o tempo ou o temperamento para vivir unha vida de servizo e inserción entre os pobres. Luísa, de acordo con Vicenzo, reuniu na súa casa para formar as mulleres do pobo mozas humildes que tiñan a enerxía e a actitude apropiada. Cun grupo de catro mozas que vivían na súa casa, Luísa comezou a preparalas e a preocuparse dos necesitados e ensinoulles tamén a desenvolver unha vida profunda de espiritual ("Amar os pobres e honralos como honrarían o propio Cristo"). Isto foi a fundación das Fillas da Caridade de San Vicenzo de Paúl.
O traballo de Luísa con esas mulleres novas desenvolveu un sistema de atención no Hôtel-Dieu, o hospital máis antigo e máis grande de París. O seu traballo foi ben coñecido e as Irmás foron convidadas a Angers a tomar ao seu cargo a organización do hospital. Este foi o primeiro proxecto fóra de París para a nova comunidade. A propia Luísa fixo a ardua viaxe a Angers en compañía de tres irmás. Despois de completar as negociacións coa cidade e o hospital, Luísa promoveu a colaboración entre os doutores, enfermeiras e outros para formar un equipo completo. Baixo a guía de Luísa de Marillac as Irmás estenderon o seu servizo para incluír os hospitais, orfanatos, institucións para anciáns e enfermos mentais, prisións, escolas e o campo de batalla con axuda ás vítimas da Guerra dos Trinta Anos.
En pouco tempo, Luísa de Marillac fundou novas comunidades en trinta cidades de Francia e Polonia: París, Richelieu, Angers, Sedan, Nanteuil-le-Haudouin, Liancourt, Saint-Denis, Serqueux, Nantes, Fontainebleau, Montreuil-sur-Mer, Charo, Chantilly, Montmirail, Hennebont, Brienne, Étampes, Bernay, Sainte-Marie du Mont, Cahors, Saint-Fargeau, Ussel, Calais, Metz e Narbona. Luísa continuou o seu traballo coas Fillas da Caridade ata case os setenta anos.
Despois dun tempo de debilidade crecente e pouca saúde, Luísa de Marillac morreu o 15 de marzo de 1660, seis meses antes da morte do seu grande amigo e guía Vicenzo de Paúl.
Veneración
[editar | editar a fonte]As súas reliquias repousan dentro dunha figura xacente á beira esquerda do altar maior da Capela da Casa-Nai das Fillas da Caridade, 140 rue du Bac en París. Ás veces dise erroneamente que é unha santa incorrupta, mais o corpo que se mostra na capela é unha efixie de cera que conten os seus ósos.
Foi beatificada polo papa Bieito XV en 1920 e canonizada o 11 de marzo de 1934 por Pío XI. O seu día de festa é o 9 de maio, cambiado do 15 de marzo en 2016. Foi declarada santa patroa dos traballadores sociais e coidadores, proclamada polo papa Xoán XXIII en 1960.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Nueva fecha para la fiesta de santa Luisa de Marillac". La Congregación de la Misión. 3 de febreiro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2016. Consultado o 3 de febreiro de 2016.
[...] la Congregación para el Culto Divino y la Disciplina de los Sacramentos [...] publicó un decreto, fechado el 4 de enero de 2016 [...] La celebración de la fiesta de santa Luisa permanece solemnidad y, con efectos inmediatos, se celebrará cada año el 9 de mayo.
- ↑ St. Louise de Marillac Parish, Pittsburgh, Pennsylvania
- ↑ 3,0 3,1 Glass, Joseph. "Ven. Louise de Marillac Le Gras." The Catholic Encyclopedia. Vol. 9. Nova York: Robert Appleton Company, 1910. 9 de xaneiro de 2013
- ↑ 4,0 4,1 "Louise de Marillac", Vincentian Online Library
- ↑ "Foley O.F.M., Leonard, Saint of the Day, American Catholic". Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2016. Consultado o 10 de marzo de 2019.
- ↑ ""St. Louise de Marillac", Catholic Social Worker's National Association". Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2018. Consultado o 10 de marzo de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Luísa de Marillac |
A Galipedia ten un portal sobre: Francia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Nicolas Gobillon, La vie de mademoiselle Le Gras, fondatrice et première supérieure de la compagnie des filles de la Charité, servantes des pauvres, París: André Pralard, 1676, 187 p.
- Louise de Marillac, Écrits spirituels (dir. Sr Élisabeth Charpy, fdlC), París: Compagnie des Filles de la Charité de Saint Vincent de Paul, 1983, 920 p.
- La compagnie des filles de la Charité aux origines. Documents (présentés par Sr Élisabeth Charpy), París: Compagnie des filles de la Charité, 1989, 1112 p.
- Benito Martínez, CM, Empeñada en un paraíso para los pobres, Santa Marta de Tormes e Salamanca: CEME, 1995, 323 p.
- Yves Krumenacker, L’École française de spiritualité. Des mystiques, des fondateurs, des courants et leurs interprètes, París: Cerf, 1998, 660 p.
- Sr Élisabeth Charpy, Petite vie de Louise de Marillac, París : Desclée De Brouwer, 1991, 125 p.
- Sr Élisabeth Charpy, Spiritualité de Louise de Marillac : itinéraire d'une femme, París: Desclée De Brouwer, 1995, 120 p.
- Sr Élisabeth Charpy, Prier avec Louise de MARILLAC, Estrasburgo: Le Signe, 1995, 28 p.