Salmón da sabedoría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O salmón da Sabedoría ou salmón do Coñecemento (bradán feasa en Gaélico irlandés) é unha criatura que atopamos no Ciclo de Fenian, pertencente á mitoloxía irlandesa; aparece n'As Fazañas Infantís de Fionn, que reúne as primeiras aventuras de Fionn Mac Cumhaill.

Características[editar | editar a fonte]

De acordo coa narración, tratábase dun salmón ordinario que comeu as nove abelás que caeron na Fonte da Sabedoría desde nove abeleiras que a rodeaban. Da Fonte da Sabedoría manaban augas que orixinaban cinco ríos, entre eles os ríos Boyne e Shannon. Ao comer as abelás, o salmón obtivo todo o coñecemento do mundo. Ademais, a primeira persoa que comese da súa carne gañaría, á súa vez, o coñecemento total.

O poeta Finn Eces ou Finnegas pasou sete anos tentando pescar o salmón. Cando finalmente o capturou, ordenou ao seu aprendiz, Fionn, que llo preparase. Mentres o facía, Fionn queimouse o polgar coa graxa quente que saltaba do salmón, e para atenuar a dor introduciu o dedo na boca. Cando lle levou a comida a Finnegas, este descubriu na mirada do mozo un brillo que que non vira antes. Cando Finegas lle preguntou polo sucedido, Fionn negou que comese o peixe, pero, baixo presión, admitiu ter probado a súa graxa por accidente. Foi esta incrible sabedoría e coñecemento obtido do salmón da sabedoría o que permitiu a Fionn converterse no xefe dos Fianna, os famosos heroes da mitoloxía irlandesa.

Notas[editar | editar a fonte]