Sherezade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sahrazad»)

Sherezade[1], Sahrazad[2] ou Xerezade[3], en persa شهرزاد, é a narradora dos contos d'As mil e unha noites.

As mil e unha noites[editar | editar a fonte]

No inicio da obra cóntase que Sherezade foi chamada para ser a esposa do rei persa Sheriar (do persa شهريار, “rei”), quen cada día desposaba unha virxe, e despois mandaba matar a esposa coa pasara a noite. El xa matara case todas as virxes do reino cando coñece a Sherazade, que se ofrece para casar con el a pesar das protestas do pai, o visir do rei. Sherezade, unha muller bela e intelixente, ten un plan para acabar coa loucura do rei, coa axuda de súa irmá Duniazade.

Á noite, xa nos apousentos do rei, Sherezade pide permiso para despedirse de Duniazade. No medio da conversa, como xa acordaran antes, Duniazade pídelle á irmá que lle conte unha historia. Sherezade, que lera moitos libros e escritos de diversas clases, conta unha historia que, como pensara, cativa a atención do rei. Coas primeiras luces do día, Sherezade interrompe a narrativa no medio, dicindo que a continuaría na noite seguinte. Curioso por saber o final da historia, o rei concédelle a vida até a noite seguinte. Así, nas noites que seguen, Sherezade continúa narrando contos de contido moi diverso, con compoñentes edificantes, máxicos e eróticos, facendo que o rei non perda o seu interese e a manteña viva.

Pasan así mil e unha noites de historias marabillosas, e durante ese período Sherezade dá a luz tres fillos do rei. No final, Sherezade implora ao rei que lle conceda a vida, e este, moi arrepentido polas súas accións pasadas e impresionado pola súa intelixencia e dedicación, fai dela a súa raíña definitiva. Duniazade tamén pasa a formar parte da corte, desposando o irmán do rei.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Así figura o nome transcrito ao galego na edición de Xerais dos contos.
  2. As mil e unha noites' Selección de Brian Alderson; ilustracións de Michael Foreman; notas de Agustín Sánchez Aguilar; tradución ao galego de Isabel Soto. Vicens Vives, 2013, Col. Aula das Letras
  3. González Rei, Begoña (2004). Ortografía da lingua galega. Galinova Editorial. ISBN 978-8497370417. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Graham, Seal. Encyclopedia of folk heroes. ABC-CLIO, 2001. ISBN 1-57607-216-9 [1]
  • Anónimo. Las mil y una noches Arquivado 16 de novembro de 2018 en Wayback Machine. trad. María Elvira Sagarzazu. Colihue Clásica, 2006. ISBN 950-563-023-9
  • Anónimo. Contos das 1001 noites, tradución de Carmen Torre París (e selección de Juan Tébar), Ed. Xerais de Galicia, colección infantil e xuvenil - contos universais, 2001.

Outros artigos[editar | editar a fonte]