Saltar ao contido

Catedral do Porto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sé do Porto»)
Catedral do Porto
Fachada da catedral.
Datos xerais
PaísPortugal Portugal
TipoCatedral (Sé)
AdvocaciónNosa Señora da Asunción
LocalizaciónPorto
Coordenadas41°08′34″N 8°36′40″O / 41.142818, -8.611203
CatalogaciónMonumento Nacional
Culto
CultoIgrexa católica
DioceseDiocese católica latina de Porto-Santa Rufina
Arquitectura
ConstruciónXI-XII
EstiloRománico, gótico e barroco
Medidas85 x 90 m
Páxina webhttps://www.diocese-porto.pt/pt/catedral-do-porto/
Catedral do Porto en Portugal
Catedral do Porto
Catedral do Porto
editar datos en Wikidata ]

A Sé do Porto é a sé episcopal da diocese do Porto, en Portugal. Atópase no corazón do centro histórico da cidade e é un dos seus monumentos principais e máis antigos.

Historia e estilo

[editar | editar a fonte]

O inicio da súa construción data da primeira metade do século XII (despois da independencia de Galiza), e prolongouse até ao principio do século XIII. Ese primeiro edificio, en estilo románico, sufriu moitas alteracións ao longo dos séculos. Da época románica datan o carácter xeral da fachada coas torres e o belo rosetón, alén do corpo da igrexa de tres naves cuberto por bóveda de canón. A bóveda da nave central é sustentada por arcobotantes, sendo a Sé do Porto un dos primeiros edificios portugueses no que se utilizou ese elemento arquitectónico.

Na época gótica, arredor do ano 1333, construíuse a capela funeraria de João Gordo (Orde de S. Xoán de Malta), cabaleiro da Orde dos Hospitalarios e colaborador de Dinís de Portugal, sepultado nun túmulo con xacente. Tamén da época gótica data o claustro (séc XIV-XV), construído no reinado de Xoán I. Este rei casou con Filipa de Lancaster na Sé do Porto en 1387.

O exterior da Sé foi moi modificado na época barroca. Contra 1736, o arquitecto italiano Nicolau Nasoni engadiu unha bela galilea barroca á fachada lateral da sé. En 1772 construíuse un novo portal en substitución ao románico orixinal. As balaustradas e a cúpulas das torres tamén son barrocas.

Á esquerda da capela mor, atópase un magnífico altar de prata, construído na segunda metade do século XVII por varios artistas portugueses. Este foi salvo das tropas francesas en 1809 por medio dunha parede de xeso construída expresamente.

Tamén nesta área esquerda é especialmente notábel a imaxe medieval de Nosa Señora de Vandoma, (padroeira da cidade).

No século XVII a capela mor orixinal románica (dotada dun deambulatorio) foi substituída por unha maior en estilo barroco. O altar mor, construído entre 1727-1729, é unha importante obra do barroco xoanino, proxectado por Santos Pacheco e esculpido por Miguel Francisco da Silva. As pinturas murais da capela mor son de Nasoni. O transepto sur dá acceso aos claustros do século XIV e á Capela de San Vicente. Unha graciosa escalinata do século XVIII de Nasoni conduce aos pisos superiores, onde os paneis de azulexos exhiben a vida da Virxe e as Metamorfoses de Ovidio.

A Sé integra tres fermosos órganos. Un deles, no coro alto, marca en Portugal un período que dá inicio ao desenvolvemento organístico. Trátase dun instrumento do construtor Jann, o mesmo do órgano da igrexa da Lapa do Porto, ambos os dous promovidos polo esforzo e iniciativa do cóengo Ferreira dos Santos.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Portugal/1 - Europa Romanica, Gerhard N Graf, Ediciones Encuentro, Madrid, 1987