Rock radical vasco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Rock Radical Vasco»)
Concerto de Cicatriz no gaztetxe de Hondarribia.

O Rock radical vasco (en éuscaro: Euskal Rock Erradikala)[1] foi un movemento musical xurdido no País Vasco e Navarra a mediados da década de 1980 e que remataría a comezos da seguinte década. Musicalmente era unha denominación heteroxénea que englobaba a grupos de diferentes estilos musicais como o punk, o rock urbano, o heavy metal, o ska ou o reggae; pero principalmente a aqueles cunha especial influencia dos primeiros grupos de punk (Sex Pistols, Ramones, The Clash, etc.).

A etiqueta de Rock Radical Vasco (RRV) xorde en 1983 da mano de José Mari Blasco (ex representante de La Polla Records) e Marino Goñi (fundador das compañías discográficas Soñua e Oihuka), e foi acuñada tras un festival contra a adhesión de España á OTAN.[2] Algúns grupos rexeitaron esta designción por considerala comercial e outros por reivindicarse como apátridas.

Os grupos do RRV estaban amparados por pequenas discográficas locais e, aínda que adoitaban ter o seu propio circuíto de concertos no seu ámbito de orixe, tamén realizaron concertos fóra e a súa música puido escoitarse en toda a xeografía do estado. As formas de difusión non eran as clásicas e déronse a coñecer a través da cultura alternativa (gaztetxes, radios libres, fanzines, etc.), así como nalgunhas das páxinas da sección cultural do diario Egin.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Gabriela Cañas, «El 'rock' es más duro en el Norte», El País, 1 de xuño de 1986.
  2. F-M Hop: «Música vasca: un poco de historia», en el dosier sobre música vasca de La Factoría del Ritmo: marzo-xullo de 1996.