Revolución Sandinista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Revolución sandinista")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Revolución Sandinista.

Coñécese como Revolución popular sandinista ou simplemente Revolución sandinista, ó proceso aberto en Nicaragua entre xullo de 1979 até febreiro de 1990, protagonizado pola Fronte Sandinista de Liberación Nacional (chamado así en memoria de Augusto César Sandino) que puxo fin á ditadura da familia Somoza, derrocando ó terceiro dos Somoza, Anastasio Somoza Debayle, substituíndoa por un goberno democrático de perfil progresista de esquerda.[1]

A loita contra a ditadura dos Somoza, que xa comezara a finais dos anos 50 do século XX intensifícase significativamente en 1978. En marzo de 1979 asínase o acordo de unidade por parte dos representantes das tres fraccións sandinistas e decídese impulsar a loita. En xuño faise o chamamento á "Ofensiva Final" e á folga xeral e o 19 de xullo de 1979 as columnas guerrilleiras do FSLN entran en Managua, cun amplo respaldo popular, consumando a derrota de Anastasio Somoza Debayle.

O novo goberno, formado por un amplo espectro ideolóxico con presenza socialdemócrata, socialista, marxista-leninista e cunha grande influencia da teoloxía da liberación, tratou de introducir reformas nos aspectos socioeconómicos e políticos do Estado nicaraguano, tratando ademais os problemas relativos á sanidade, a educación e repartición da terra que o país sufría. Ditas reformas lograron avances significativos e recoñecidos internacionalmente.[2]

A oposición armada foi organizada polos Estados Unidos, que formaron a chamada contra e afundiron o país nunha guerra civil e produciron unha presión en tódolos campos posibles. Isto, xunto con diversos erros de goberno atribuíbles á inexperiencia dos sandinistas, levou a Nicaragua a unha posición económica crítica e social inasumible, o que causou que o FSLN perdese as eleccións de febreiro de 1990 fronte á Unión Nacional Opositora (unha coalición que agrupaba á maioría das forzas opositoras ó FSLN) presidida por Violeta Chamorro e apoiada polos Estados Unidos, pondo así fin ó período revolucionario.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Richard L. Millett, A.B., M.A., Ph.D. "Nicaraguan Revolution". Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2009. Consultado o 05 de xuño de 2018. NOTA: actualmente fuera de línea. Ver versión en CD 
  2. "La alfabetización y la mística perdida. Periódico Nuevo diario de Nicaragua.". Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2011. Consultado o 05 de xuño de 2018.