Eco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nota: Esta páxina é sobre o fenómeno físico. Se procura outros significados da mesma expresión, consulte Eco (homónimos).

O eco é un fenómeno físico que ten lugar cando un son regresa ao lugar onde foi emitido tras rebotar nalgún obstáculo. Para que se dea este fenómeno, debe existir un obstáculo a máis de 17 metros de distancia do lugar onde se emite o son; o obstáculo ten que ser feito dun material puído e denso que non absorba o son, por exemplo, metais ou rochas.

O ser humano detecta dous sons que estean separados por 0,1 segundos, ou sexa, para a velocidade do son no ar (340 m/s), ese tempo representa 34 metros. Así, se o obstáculo estiver a menos de 17 metros non detectamos a diferenza entre o son emitido orixinariamente e o son que recibimos e, dese modo, o eco non acontece a pesar da onda ter sido reflectida.

En procesamento de sinal de son e acústica, un eco é unha reflexión de son que chega ao ouvinte pouco tempo despois do son directo. Exemplos típicos son o eco producido no fondo dunha escaleira, por un edificio, ou nunha sala, polas paredes. Un eco verdadeiro é unha única reflexión da fonte de son. O intervalo de tempo é a distancia extra dividida pola velocidade do son.

Chámase reverberación ao feito de chegaren tantas reflexións ao ouvinte que non pode distinguir unhas das outras.

A intensidade dun eco é frecuentemente medida en dB con relación á onda transmitida directamente.

Algúns ecos poden ser desexábeis (como no radar ou sonar) e outros indesexábeis (como sucede ás veces nos sistemas telefónicos).