Remela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gato con lagañas nos ollos.

As remelas,[1] carrañas,[2] lagañas[3] ou lepas[4] son unha secreción de moco calcificado e mesturado con outras substancias, que aparece nas comisuras das pálpebras ao espertar, como secreción do ollo. Crese que a súa función é axudar a manter as pálpebras pechadas mentres se dorme e expulsar corpos estraños do ollo.

Están formadas pola combinación de moco (consistente en mucina procedente da córnea ou conxuntiva), bágoas, células de sangue, células epiteliais mortas das pestanas e po.

Normalmente, ao pestanexar elimínase esta substancia coas bágoas. Con todo, ao non realizarse esta función mentres se dorme, créanse pequenas cantidades de humor nas córneas dos ollos, mesmo en persoas saudables, especialmente os nenos.

Aínda así, a formación de grandes cantidades de cortiza ou a presenza de pus nas remelas, podería ser síntoma dun ollo seco ou outras infeccións oculares máis serias como a conxuntivite ou a queratite.

As persoas novas e adultas poden quitar as remelas lavándose con auga ou simplemente fregándose cos dedos (preferiblemente limpos). Porén, nos nenos e certos adultos (como os que padecen conxuntivite) pode darse o caso de que a formación excesiva de remelas impida mesmo abrir os ollos tras espertar, o cal pode indicar unha probable infección bacteriana. Os bebés e persoas baixo coidados poden necesitar axuda para quitárllelas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para remela.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carraña.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lagaña.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lepa.