Regeln für den Menschenpark

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Regeln für den Menschenpark
Autor/aPeter Sloterdijk
Lingualingua alemá
Xénero(s)ensaio
Data de pub.2000
editar datos en Wikidata ]

Regeln für den Menschenpark: Ein Antwortschreiben zu Heideggers Brief über den Humanismus (que traducido ao galego sería Regras para un parque humano: unha resposta á Carta sobre Humanismo, de Heidegger), é o título dunha conferencia do filósofo Peter Sloterdijk impartida en 1997. A conferencia espertou unha importante vaga de polémica tanto en Alemaña como no contorno da filosofía internacional.

Historia do texto[editar | editar a fonte]

A conferencia impartiuna Sloterdijk inicialmente en Basilea, o 15 de xuño de 1997, e repetiuna, con algunhas modificacións o 17 de xullo de 1999, case dous anos máis tarde, en Schloss Elmau, na Baviera. Ese mesmo verán apareceu en papel, publicada no xornal Die Zeit, e desencadeou unha forte polémica.

Antes de rematar o ano xa estaba publicada en libro (1999) en Alemaña. En 2000 xa se editaba a súa versión en francés, e ao ano seguinte, en 2001 o texto incorporábase a Nicht gerettet: Versuche nach Heidegger, volume colectáneo de textos de inspiración heideggeriana. En 2003 traducíase ao español.

Resumo[editar | editar a fonte]

A conferencia define un concepto de humanismo vencellado á tradición literaria ou do libro, como a carta que un autor lles envía aos lectores das seguintes xeracións para transmitirlles amizade e humanidade, para domesticalos e liberalos do seu carácter animal. A seguir, tenta observar o tratamento do humanismo, e desta dualidade dos humanos entre o seu carácter propiamente humano e a súa bestialidade, a través da obra de tres filósofos: Heidegger, Nietzsche e Platón (nesta orde). Para Sloterdijk esa cadea de transmisión, que comeza coa adopción da cultura grega pola romana, rompeuse na segunda metade do século XX, e o humanismo deixou paso ao arquivismo.