Saltar ao contido

Reforma ortográfica da lingua portuguesa de 1911

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Reforma Ortográfica de 1911 foi a primeira iniciativa de normalización e simplificación da ortografía da lingua portuguesa.

Tendo forza de lei en Portugal, esta reforma modificou completamente o aspecto da lingua escrita e inspirou tódolos acordos e reformas subsecuentes.

É prohibido collocar cartazes e annuncios em todo o edificio d'esta ordem («É proibido colocar cartazes e anúncios em todo o edifício desta ordem» na ortografía actual do portugués): aviso anterior á Reforma Ortográfica de 1911, na parede da Igrexa do Carmo, no Porto.

Até o inicio do século XX, tanto en Portugal coma no Brasil, empregábase unha ortografía que, por regra, se baseaba nos étimos latino ou grego para escribir cada palabra. Por exemplo:

Portugués (pre-1911) Portugués (actual) Galego
phosphoro fósforo fósforo
lyrio lírio lirio
orthographia ortografia ortografía
phleugma fleuma flegma
exhausto exausto exhausto
estylo estilo estilo
prompto pronto pronto
diphthongo ditongo ditongo
psalmo salmo salmo

Ó longo dos tempos, diversos estudosos da lingua presentaron sucesivas propostas de simplificación da escrita, sen grande éxito. Entre esas propostas encontrábanse as Bases da Ortografia Portuguesa, de 1885, da autoria de Aniceto dos Reis Gonçalves Viana e Guilherme de Vasconcelos Abreu.[1]

Inmediatamente despois da implantación da república en Portugal, a 5 de outubro de 1910, o novo goberno, empeñado no crecemento da escolaridade e no combate do analfabetismo, nomeou unha comisión — constituída por Gonçalves Viana, Carolina Michaëlis, Cândido de Figueiredo, Adolfo Coelho, Leite de Vasconcelos, Gonçalves Guimarães, Ribeiro de Vasconcelos, Júlio Gonçalves Moreira, José Joaquim Nunes, Borges Grainha e Augusto Epifânio da Silva Dias (que pediu excedencia) — para estabelecer unha ortografía simplificada para as publicacións oficiais e mailo ensino. As bases da Reforma Ortográfica, fortemente inspiradas nas propostas de 1885, foron oficializadas o 1 de setembro de 1911,[2] permitíndose un período de transición de tres anos.[3]

A pesar de que no Brasil xa existía dende había longo tempo unha forte corrente foneticista, que loitaba pola simplificación ortográfica, o non envolvemento brasileiro na reforma portuguesa tivo o efecto contrario de reforza-las correntes tradicionalistas, ficando os dous países con ortografías completamente diferentes: Portugal cunha ortografía reformada e o Brasil coa vella ortografía de base etimolóxica.

En 1924 a Academia das Ciencias de Lisboa e a Academia Brasileira de Letras comezaron a procurar unha ortografía común, firmándose un acordo preliminar en 1931 que practicamente adoptaba a ortografía portuguesa de 1911, iniciándose un longo proceso de converxencia das ortografías dos dous países que dura até hoxe.

Principais alteracións

[editar | editar a fonte]

Esta reforma da ortografía portuguesa — a primeira reforma oficial en Portugal dende aquela que levou ó xurdimento dunha escrita portuguesa autónoma no século XIII — foi profunda e modificou completamente o aspecto da lingua escrita, aproximándoo moito ó actual.

As principais alteracións introducidas foron:

  1. Eliminación de tódolos dígrafos de orixe grega coa substitución por grafemas simples: th (substituído polo t), ph (substituído polo f), ch (co valor de [k], substituído por c ou qu de acordo co contexto) e rh (substituído por r ou rr de acordo co contexto);
  2. Eliminación do y (substituído polo i);
  3. Redución das consoantes dobradas (ou xeminadas) a sinxelas, coa excepción do rr e mailo ss mediais de orixe latina, que teñen valores específicos en portugués;
  4. Eliminación dalgunhas "consoantes mudas" ó final de sílaba gráfica, cando non influían na pronuncia da vogal que as precedía;
  5. Introdución de numerosa acentuación gráfica, especialmente nas palabras proparoxítonas (esdrúxulas).

Contestación á reforma

[editar | editar a fonte]

A adopción desta nova ortografía non se fixo sen resistencias en Portugal, mais a maior polémica arredor dela estalou no Brasil. Algúns lingüistas defendían a ortografía etimolóxica en detrimento da ortografía puramente fonética das palabras, alegando que a reforma ortográfica cortaba o elo entre os falantes da lingua portuguesa e os escritos deixados polos seus devanceiros. Outras persoas resistiron á mudanza, sexa pola incerteza de non saberen escribir polas novas regras, sexa polo elo emocional ou intelectual á memoria gráfica da escrita. Ese sentimento aparece reflectido neste extracto de Alexandre Fontes, escrito nas vésperas da reforma ortográfica de 1911 (respectándose a escrita orixinal do autor):

Imaginem esta palavra phase, escripta assim: fase. Não nos parece uma palavra, parece-nos um esqueleto (...) Affligimo-nos extraordinariamente, quando pensamos que haveriamos de ser obrigados a escrever assim![4]

E Teixeira de Pascoaes:

Na palavra lagryma, (...) a forma da y é lacrymal; estabelece (...) a harmonia entre a sua expressão graphica ou plastica e a sua expressão psychologica; substituindo-lhe o y pelo i é offender as regras da Esthetica. Na palavra abysmo, é a forma do y que lhe dá profundidade, escuridão, mysterio... Escrevel-a com i latino é fechar a boca do abysmo, é transformal-o numa superficie banal.[5]

Aínda, Fernando Pessoa:

Não tenho sentimento nenhum politico ou social. Tenho, porém, num sentido, um alto sentimento patriotico. Minha patria é a lingua portugueza. Nada me pesaria que invadissem ou tomassem Portugal, desde que não me incommodassem pessoalmente, Mas odeio, com odio verdadeiro, com o unico odio que sinto, não quem escreve mal portuguez, não quem não sabe syntaxe, não quem escreve em orthographia simplificada, mas a pagina mal escripta, como pessoa propria, a syntaxe errada, como gente em que se bata, a orthographia sem ipsilon, como escarro directo que me enoja independentemente de quem o cuspisse.[6]

  1. Biblioteca Nacional Digital. Bases da Ortografia Portuguesa de 1885. Dispoñíbel en: <http://purl.pt/437>(en portugués)
  2. Relatório das Bases da Reforma Ortográfica, publicado no Diário de Governo, n.º 213, de 12 de setembro de 1911.(en portugués)
  3. Portugueses fan peticións sobre o acordo ortográfico. Dispoñíbel en: <http://www.agencialusa.com.br/index.php?iden=15854[Ligazón morta]>.(en portugués)
  4. Alexandre Fontes, A Questão Orthographica, Lisboa, 1910, p. 9.(en portugués)
  5. Teixeira de Pascoaes, en A Águia, citado por Francisco Álvaro Gomes, O Acordo Ortográfico. Porto, Edições Flumen e Porto Editora, 2008, p. 10.(en portugués)
  6. Fernando Pessoa, Descobrimento, en Livro do Desassossego.(en portugués)

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]