Raziel (Legacy of Kain)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Raziel é unha personaxe de videoxogos, tendo un rol principal na saga de videoxogos Legacy of Kain, especificamente en Legacy of Kain: Soul Reaver, Legacy of Kain: Soul Reaver 2, e Legacy of Kain: Defiance. Raziel é un antiheroe e un espectro (como é chamado en Defiance), e a medida que o xogo progresa, a súa historia é revelada cara a atrás. Antes de ser espectro foi vampiro, e moito antes, un humano sacerdote da Orde guerreira dos Sarafan.

O nome de Raziel, cuxo significado en hebreo é Segredo de Deus, está baseado no do príncipe dos querubíns. Segundo a mitoloxía, debido á súa proximidade ao trono de Yahvéh, o arcanxo Raziel tomou nota de todo aquilo que este dixo e plasmouno no chamado Sefer Raziel HaMalach (O libro de Raziel) que está considerado como un libro de maxia.

Historia[editar | editar a fonte]

Como Sacerdote Sarafan[editar | editar a fonte]

Raziel naceu uns 520-550 anos antes da caída dos Alicerces, e eventualmente converteuse nun dos guerreiros Sarafan, adquirindo postos nos altos rangos. El, xunto con outros cinco guerreiros Sarafan, Turel, Dumah, Rahab, Zephon, Melchiah, Malek (este último non é convertido en vampiro por Kain) asediaron o retiro da montaña de Janos Audron, asasinando o ancián vampiro e arrincándolle o corazón, coñecido como o Corazón da Escuridade, roubándolle ademais a Soul Reaver, a antiga arma sagrada dos vampiros, que estaba baixo custodia do ancián. De regreso á fortaleza dos Sarafan, os seis guerreiros son asasinados por un espectro que, aínda que o mesmo Raziel non o sabía, tratábase do seu propio eu futuro. Os guerreiros son momificados como mártires e Raziel é venerado como heroe por acabar con Janos Audron.

A non-vida vampírica[editar | editar a fonte]

Aproximadamente mil anos despois da súa morte, Raziel é resucitado por Kain como vampiro, logo de que este roubase a súa alma do inframundo. Logo Kain faría o mesmo cos outros cinco guerreiros Sarafan. Resucitados como vampiros, ningún dos "irmáns" recordaba o seu pasado como Inquisidores Sarafan. Transformados nos lugartenentes da nova lexión de Kain, cada un creou o seu propio clan vampírico, e en menos de cen anos reduciron a humanidade ao borde da extinción, conquistando todo Nosgoth.

Logo de milenios de servizo a Kain, Raziel tivo unha aceleración na súa evolución vampírica, crecéndolle un gran par de ás nas costas. O día en que os líderes dos clans se reunían ante Kain, Raziel apareceu exhibíndoas, e foi executado públicamente por Kain, supostamente por celos, aínda que logo desvelaríase que todo estaba deliberadamente planeado por Kain, para desencadear os efectos que o axudarían na súa procura dunha saída ao destino que se lle impuxera. Guindado ao Lago dos Mortos, a alma de Raziel quedaría atrapada neste por outros milenios máis, ata a súa liberación como espectro.

O Segador de Almas[editar | editar a fonte]

Liberado da Roda do Destino, Raziel atópase fronte ao Deus Ancián, un monstruoso ser que insta a Raziel a que aniquile a Kain e aos seus irmáns, baixo a escusa de restaurar o equilibrio de Nosgoth. Agora como criatura dos planos espectrais, Raziel xa non era máis un vampiro, e a súa sede era máis sinistra agora: no canto de sangue, Raziel debería alimentarse de almas.

En busca de vinganza, Raziel vai explorando todo Nosgoth, agora desértico e corroído, e no seu camiño descobre que o seu clan foi reducido a un só vampiro, o último fillo vampiro de Raziel que sobreviviu grazas a que Dumah o adoptara como seu, e a quen Raziel asasina, logo continúa a súa viaxe aniquilando os seus irmáns polo camiño (fóra Turel, quen para ese momento non se atopaba nesa liña de tempo), e enfróntase a Kain no Santuario dos Clans. Durante a batalla, a Soul Reaver de Kain rompe xusto cando Kain pretendía darlle o golpe mortal (por mor dun paradoxo temporal, como Raziel se daría conta máis adiante), e Raziel é enviado de regreso ao plano espectral, onde atopa o espírito voraz da Soul Reaver e únea ao seu brazo, transformándoa na súa arma simbiótica. Despois, Raziel terá o seu primeiro encontro co espectro de Ariel, quen lle será de axuda, dándolle mensaxes crípticas sobre os distintos lugares de Nosgoth.

Durante a súa viaxe, Raziel descobre a tumba dos mártires Sarafan, descubrindo a súa orixe pasada, o que incrementa o seu odio por Kain. Buscando vinganza pola súa execución e pola súa blasfema resurrección, Raziel chega á Caverna do Oráculo, onde está escondida a Cámara do Cronoplasto de Moebius. Alí espérao Kain quen o advirte sobre os acontecementos vindeiros, e logo esvaece no fluxo espazo-temporal. Raziel vese obrigado a seguilo cara ao seu descoñecido pasado.

Alma viaxeira do tempo[editar | editar a fonte]

Desviado do seu camiño polo mesmísimo Moebius, Raziel chega ao pasado de Nosgoth, 30 anos antes da caída dos Alicerces. Raziel intenta matar a Moebius coa súa segadora pero esta é inutilizada pola vara maldita de Moebius quen falsamente se mostra sorprendido ante Raziel pola desaparicion da segadora. Raziel novamente trata de matar a Moebius coas súas mans pero Moebius revélalle que sería Kain o seu asasino; despois de todo "a todos nos chega a hora" desta forma responde Moebius. Ante un incrédulo Raziel, Moebius explica como a curación de Nosgoth dependía da morte de Kain e comeza a súa manipulación sobre o espectro, alentándoo a asasinar o seu mestre. Durante o seu camiño pola gorida de Moebius, Raziel atopa a tumba de Guillerme o Xusto, sobre a cal está a Soul Reaver desa época, rota logo da súa batalla contra Kain. Creando un novo paradoxo temporal, a Soul Reaver física e a espectral atada á man de Raziel únense, logrando reparar a Soul Reaver física; nese instante aparece Moebius, Raziel enfurecido pídelle unha razón para non matalo nese mesmo instante. Moebius engana a Raziel para que este lle perdoe a vida cando Raziel solta a Reaver fisica e marcha mentres Moebius rumorea que esa sería a súa única oportunidade de matalo. Logo disto, Raziel ábrese camiño cara aos alicerces, onde o está a esperar Kain. O espectro chega xusto no momento no que Ariel era asasinada, os Alicerces quedaban corruptos pola tolemia de Nupraptor e Kain nacía como humano. Kain comeza entón a amosar a Raziel algúns datos que aprendera ao longo dos séculos para atopar unha saída ao dilema que Moebius lle obrigou a aceptar, saída na que Raziel xogaría un papel fundamental.

Eventualmente, Raziel atópase co Deus Ancián, ante quen se mostra un pouco rebelde a medida que vai adquirindo información. Durante a súa viaxe, Raziel chega a unha antiga forxa elemental alineada coa Reaver, e alí atópase co vampiro Vorador. Este revélalle, aínda que de xeito críptico, parte da profecía vampirica, ademais de darlle un novo obxectivo: buscar o vampiro Janos Audron. De regreso á gorida de Moebius, na capela de Guillerme, Kain interponse no seu camiño, explicando esta vez as razóns polas que o transcurso da historia pode ser alterado malia que esta sexa imposible de cambiar ao estaren todas as almas encadeadas a un destino premeditado. Kain revelou que dúas Soul Reavers en contacto, dúas entidades prisioneiras intentando devorarse a unha á outra, son capaces de provocar un paradoxo temporal capaz de cambiar acontecementos. Ese lugar estaba destinado a ser o escenario no que Raziel matase a Kain e restablecese o equilibrio de Nosgoth, con todo Raziel tomou a decisión de non facelo, cambiando así o transcurso da historia. Kain, reconfortado, decidiu seguir cos seus propios plans e deixou a Raziel continuar a súa busca.

Ao chegar ás cámaras de fluxo temporal, Raziel atopou a Moebius a quen obrigou a configurar a máquina para retroceder uns cinco séculos no pasado, aínda que Moebius traizoouno e enviouno un século cara ao futuro. Tras comprender a traizón, Raziel buscou unha forma de regresar pola súa conta e risco á época á que ansiaba acceder. Na súa viaxe atopouse cun novo engano de Moebius en forma de espírito, e de novo coa pantasma de Ariel nos Alicerces.

Finalmente, Raziel pode escapar desa época utilizando un dispositivo de fluxo temporal abandonado, e regresar á do apoxeo dos Sarafan, seiscentos anos no pasado, na que Janos Audron aínda non morrera. Para chegar ata o vello vampiro, Raziel tivo que construír un camiño que lle permitiu acceder desde a base do refuxio de Janos ata a altísima cámara onde este agardaba. Raziel reuniuse con Janos, quen o aleccionou sobre a función que os Alicerces realizaban e o erro que supoñía que estivesen baixo control humano e non vampírico. Así mesmo reveloulle a misión que o sustentou durante todos estes séculos: entregar a Reaver ao heroe que salvaría a raza vampírica, a Raziel. Foi entón cando o seu Eu anterior, Raziel o Sarafan, irrompe na sala, á que accedeu grazas ao camiño que Raziel espectro construíra. Guindado por Janos a unha cámara adxacente para protexelo, Raziel puido regresar xusto a tempo para ver ao seu antigo Eu inmobilizar a Janos utilizando a vara de Moebius, partir o seu peito en dous, arrincar o seu corazón e fuxir con este á fortaleza Sarafan.

Raziel viu morrer a Janos nos seus brazos non sen antes aceptar a misión que este preparara para el e renegar con odio visceral do seu anterior pasado, o cal cría puro e nobre. Alimentado pola ira, Raziel regresou á fortaleza Sarafan en busca de vinganza. Alí atopou a Reaver, exposta sen protección ningunha. Nese intre Moebius aparece, defendido por Malek, e prívao da súa espada espectral, obrigándoo a asir a Reaver, para despois encerralo. A única saída de Raziel condúceo a encarar os seus antigos irmáns Sarafan, a quen mata con satisfacción ao comprender o destino que os agardaba. Para rematar, Raziel atopou o seu Eu Sarafan, con quen se enfrontou e asasinou, pechando o ciclo da súa historia. Este feito provocou que a historia forzase que a Reaver consumise a alma de Raziel xa que doutro xeito todos os acontecementos que ocorreran a partir deste momento deixaran de existir. Raziel comprendeu entón que a entidade que sempre posuíra a Reaver era e fora el.

Na liña de tempo non alterada, a Reaver consome a alma de Raziel, pechando o círculo da Soul Reaver. Na liña alterada, Kain aparece e salva a Raziel. Isto causa un paradoxo que cambiou os futuros acontecementos a partir dese intre, creando un futuro caótico onde os hylden toman o poder de Nosgoth (os acontecementos relatados en Blood Omen 2).

O círculo do destino[editar | editar a fonte]

Raziel permaneceu no reino espectral por un período igual ao de cincocentos anos no plano físico ata que conseguiu escapar da carga do Deus Ancián. Debido á súa rebelión, o Deus Ancián quitoulle a Raziel os portais para entrar no reino físico aínda que este atopou un modo algo máis tosco de levar a cabo tal acción: mediante a súa proxección en cadáveres en descomposición.

Tras atopar a Vorador, Raziel pídelle explicacións sobre a forma de cambiar o seu destino e evitar así converterse no famento espírito cativo da Reaver; Vorador non ten as respostas. Con todo, conduciu a Raziel ante o corpo inerte de Janos Audron e reveloulle a forma de facelo resucitar e obter dese modo as respostas que requiría: recuperar o corazón de Janos roubado e devolvelo ao cadáver do lendario vampiro.

Así pois, Raziel diríxese á catedral do Averno onde supostamente esta o Corazón da Escuridade. Nas catacumbas desta catedral atópase con Turel, o único dos seus irmáns que non aniquilara no futuro. Turel, agora parasitado por entidades hylden, era coñecido como o avatar de Hash'ak'gik. Logo dunha batalla forzada, Raziel absorbe a alma do seu irmán, aínda que algúns dos hylden que infectaban a Turel contaxiaron parcialmente a Raziel. Á saída do foso, Raziel sorprendeu a Mortanius a quen preguntou pola situación do Corazón da Escuridade. A sorpresa foi maiúscula ao coñecer que dito órgano fora utilizado por Mortanius para resucitar a Kain como vampiro e que era en realidade o corazón que latexaba dentro de Kain. Loitando por vencer as forzas que o posuían, Mortanius esvaeuse para seguir cos seus plans deixando a Raziel confuso.

De volta á catedral, Kain fixo acto de presenza no seu intento por evitar que Raziel resucitase a Janos Audron. Raziel, alimentado polas imaxes de confrontacións entre os heroes das razas, polo temor a quedar atrapado na Reaver que Kain portaba e pola posesión parcial á que estaba sometido, atacou a Kain, malia os esforzos deste por facelo entrar en razón. Durante a loita, Raziel comezou a ser absorbido pola Reaver. Desesperado e convencido de que Kain o enganara, reuniu forzas e atravesou o peito de Kain arrincando o seu corazón e expulsando o seu antigo amo á dimensión demoníaca.

Co Corazón da Escuridade no seu poder, Raziel regresou á mansión de Vorador, onde se encontraban Moebius e os seus mercenarios, e resucitou a Janos Audron en busca de respostas. Janos só acertou a contestarlle o mesmo que na anterior ocasión: que era o heroe vampiro destinado a empuñar a Reaver. Cando Raziel lle mostrou a única Reaver que empuñaba, a espectral, Janos viu cambalear todos os seus dogmas. Desconcertado, Janos levou a Raziel canda el ata a cidadela dos vampiros onde -díxolle- acharía as respostas que buscaba. Deste xeito, Raziel dirixiuse cara á fragua Espiritual onde atopou ao Deus Ancián intentando impedir o acceso de Raziel á fonte de enerxía á vez que comezaba a comprender o destino reservado a Kain como Vástago do Equilibrio.

Tras liberar a forxa, o espectro de Ariel acudiu á fragua onde cedeu a súa alma para bautizar e purificar a espada de Raziel, non sen antes legarlle a súa última misión: unir o que foi dividido. Coa Reaver purificada, Raziel regresou confuso ata a sala onde Janos agardaba. Nese preciso intre, un mozo Kain rexeitaba sacrificarse, rompendo así a barreira que os Alicerces protexían. O hylden, Hylden Lord, que posuíu a Mortanius tomou o control de Janos. Raziel entón deuse conta do erro cometido ao resucitar a Janos Audron, pois Kain tratara de advertilo de que isto pasaría aínda que non quixo escoitalo. Ao tratar de impedir que o hylden fuxise co corpo de Janos, Raziel foi vencido, o seu corpo físico disolto e invocado á fragua espiritual polo Deus Ancián. Nesta cámara, rebelado e iracundo, intentou con todas as súas forzas atacar ao Deus Ancián aínda que a súa presenza no plano espectral impediullo. O Deus Ancián deu por rematada a misión de Raziel para a cal o resucitara e reveloulle que permanecería na fragua sen poder escapar durante toda a eternidade.

Tras iso, o deus antigo devolveulle a vida a Moebius, asasinado polo mozo Kain nese intre, e este acudiu á fragua Espiritual para render contas ante o seu amo. Nese lugar, Moebius foi sorprendido polo Kain ancián, quen misteriosamente, non morrera durante a pelexa con Raziel. Kain eliminou novamente a Moebius. No plano espectral, Raziel atravesou a Moebius coa espada e comprobou que esta tiña a capacidade de curar a corrupción á que se vían sometidos os gardiáns dos Alicerces, xa que ata aquel momento Moebius non puidera ver ao Deus Ancián.

Logo de devorar a súa alma e comprendendo e aceptando o seu verdadeiro propósito, Raziel utilizou o cadáver de Moebius para acceder ao plano material, onde purificou a Kain deixándose encerrar na Reaver, a partir de entón, Soul Reaver.

Habilidades[editar | editar a fonte]

Ao longo dos xogos nos que aparece como protagonista, Raziel fixo gala de diferentes habilidades, pese a que algunhas foron borradas nos xogos posteriores. As súas habilidades máis significativas son:

  • Cambio de Planos: Raziel é capaz de cambiar ao Plano Material a través de portais de enerxía situados nalgúns puntos do Plano Espectral, e pode regresar a este a vontade, sen necesidade dun portal. Con todo, logo da rebelión de Raziel en Defiance, esta habilidade élle arrebatada polo Deus Antigo. Para poder cambiar ao Plano Material, Raziel fai gala da súa adaptación aos Planos Espectrais, tomando cadáveres en descomposición e logo moldeando a súa forma para que sexan un reflexo do seu corpo espectral.
  • Absorción de almas: Grazas a esta habilidade, Raziel absorbe as almas dos mortos que están perdidas no Plano Espectral e recupera enerxía vital. Estas almas pasan a través del para chegar á Roda do Destino e alimentar ao Deus Ancián. Cando Raziel absorbe a alma dun ser poderoso, é capaz de tomar as habilidades deste.
    • Atravesar Reixas: Esta habilidade adquiriuna ao absorber a alma do seu irmán Melchiah. Permítelle atravesar portas e fiestras enreixadas, pero só no Plano Espectral.
    • Escalar Muros: Esta habilidade adquiriuna ao absorber a alma do seu irmán Zephon. Permítelle escalar por certos tipos de muros. En ambos Soul Reaver, o seu uso está restrinxido só ao Plano Físico, pero en Defiance, Raziel xa é capaz de facelo tamén no Plano Espectral.
    • Mollarse: Esta habilidade adquiriuna ao absorber a alma do seu irmán Rahab. Nas primeiras etapas de Soul Reaver, o corpo físico de Raziel era demasiado fráxil ante a auga, disolvéndose co máis mínimo contacto. Ao absorber a alma de Rahab, esta debilidade é superada, permitíndolle a Raziel nadar e mergullarse libremente.
    • Constricción: Esta habilidade adquiriuna ao absorber a alma do seu irmán Dumah. Permitíalle a Raziel manipular obxectos ou paralizar inimigos xirando ao redor destes. Esta habilidade é exclusiva do primeiro Soul Reaver.
    • Proxectís Telecinéticos: Esta habilidade adquiriuna ao absorber a alma de Morlock, un vampiro do clan Turelim. Permítelle disparar proxectís psíquicos para golpear inimigos ou mover obxectos.
    • Telecinesia[1]: Esta habilidade adquiriuna ao absorber a alma do seu irmán Turel, na parte final de Defiance, xa que Turel non aparece no primeiro Soul Reaver. Neste punto, as súas habilidades telecinéticas están ao mesmo nivel de Kain, permitíndolle manipular grandes obxectos ou crear escudos psíquicos.

Armas[editar | editar a fonte]

Pese a que Raziel pode usar case todas as armas que usen os seus inimigos, e as súas garras tamén poden ser usadas como armas, sendo máis letais en Soul Reaver 2, a súa arma por defecto é a Soul Reaver. No primeiro xogo a Soul Reaver estaba limitada no seu uso ao nivel de enerxía de Raziel: só se manifestaba no plano material cando este estivese ao 100% da súa saúde. Con todo, é a arma máis letal do xogo, e pode imbuír os proxectís telecinéticos de Raziel para darlles máis poder. No plano espectral, a arma esta fusionada todo o tempo con Raziel e non ten ningunha restrición. En Soul Reaver 2, logo de reconstruír a Soul Reaver física na tumba de Guillerme, Raziel é capaz de manifestar a espada no plano material a vontade, sen a necesidade de que a súa saúde estea ao 100%, pero ao custo de que a espada vaia absorbendo a súa forza vital. No plano espectral, a espada non ten esta desvantaxe. En Defiance Raziel xa dominou tanto esta espada que é capaz de asimilala dentro do seu corpo e manifestala a vontade cando é necesario. Ademais, é capaz de enerxizar a espada para dar golpes máis fortes, ou crear un campo de forza para repeler o opoñente.

Nos xogos, a Soul Reaver foi imbuída con poderes elementais. As súas habilidades varían dependendo do elemento aliñado:

  • Dark Reaver: A espada espectral influída polo poder da escuridade. En Soul Reaver 2 os proxectís telecinéticos imbuídos con esta Reaver posúen a habilidade de "cegar" certos aparellos de seguridade nas ruínas vampíricas. Ademais, esta Reaver pode crear pontes de sombra en certos puntos especiais. En Defiance, ao máximo poder, é capaz de lanzar pequenas sombras para que golpeen inimigos nos arredores, e a súa habilidade fai invisible a Raziel temporalmente.
  • Light Reaver: A espada espectral influída polo poder da luz. En Soul Reaver 2 os proxectís telecinéticos imbuídos con esta Reaver enerxizan certos cristais para que se activen mecanismos, se abran portas etc. En Defiance, golpear coa Light Reaver ao máximo poder pode aparvar o obxectivo. Ao usar a súa habilidade, pode aparvar varios oponentes á vez cun potente flash lumínico.
  • Air Reaver: A espada espectral influída polo poder elemental do aire, aliñada aos Alicerces da Mente e a Dimensión. En Soul Reaver 2, os proxectís telecinéticos imbuídos con esta Reaver poden destruír certos tipos de rocas. Ademais pode activar certos aparellos que lanzan columnas de aire que Raziel usa para poder planear; esta habilidade consérvaa en Defiance. En Defiance, ao máximo poder, esta Reaver fai dano elemental de aire ao obxectivo, e a súa habilidade permítelle crear un tornado que dana varios oponentes.
  • Fire Reaver: A espada espectral influída polo poder elemental do lume, aliñada aos Alicerces do Conflito e a Natureza. En Soul Reaver 2, os proxectís telecinéticos imbuídos con esta Reaver poden danar o obxectivo con dano elemental de lume. Ademais, activando certo aparello na Fortaleza Sarafan, pode desconxelar parte do lago que a rodea. En Defiance, ao máximo poder, a Fire Reaver fai dano elemental de lume e usando a súa habilidade pode crear un refacho de lume que dana varios oponentes. No primeiro Soul Reaver sae unha versión máis débil desta Reaver, que fai dano elemental de lume ao seu obxectivo.
  • Water Reaver: A espada espectral influída polo poder elemental da auga, aliñada aos Alicerces da Morte e os Estados. Exclusiva de Defiance, esta Reaver é capaz de conxelar correntes de auga. Ao máximo poder, pode conxelar o seu obxectivo, e usando a súa habilidade pode conxelar a varios oponentes.
  • Earth Reaver: A espada espectral infuída polo poder elemental da terra, aliñada aos Alicerces da Enerxía e o Tempo. Exclusiva de Defiance, esta Reaver é capaz de crear bloques de terra flotantes, activando os aparellos adecuados. Ao máximo fai dano elemental de terra ao obxectivo, e usando a súa habilidade pode crear un potente tremor que dana varios oponentes.
  • Spirit Reaver: A espada espectral purificada polo espectro de Ariel, aliñada ao Alicerce do Equilibrio. Exclusiva de Defiance, esta Reaver é a máis forte de todas, capaz de matar o obxectivo dun só golpe (en Soul Reaver 2 calquera Reaver ten esta habilidade ao máximo aínda que con certo custo). A súa habilidade permítelle aniquilar varios oponentes ao mesmo tempo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para telecinesia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]