Saltar ao contido

Raquel Liberman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRaquel Liberman

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento10 de xullo de 1900 Editar o valor en Wikidata
Berdychiv, Ucraína (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte7 de abril de 1935 Editar o valor en Wikidata (34 anos)
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecancro Editar o valor en Wikidata
RelixiónXudaísmo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónprostituta, activista Editar o valor en Wikidata

Raquel Liberman, coñecida tamén como Rokhl Lea Liberman, nada en Berdychiv[1] (actual Ucraína) o 10 de xullo de 1900 e finada en Buenos Aires o 7 de abril de 1935, foi unha muller polaca vítima de trata de persoas na Arxentina. Logrou denunciar e desintegrar a rede xudía de trata Zwi Migdal, que operaba na Arxentina desde principios do século XX e até antes do comezo da chamada Década Infame.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

De pequena emigrou cos pais a Varsovia. En 1919 casou con Yaacov Ferber, xastre de profesión, e o ano seguinte tiveron o seu primeiro fillo, Joshúa. En 1921, embarazada do segundo fillo, Ferber emigrou na procura de traballo á Arxentina, onde xa vivían a súa irmá e o home dela. O 30 de setembro de 1922, Liberman chegou á Arxentina cos seus dous fillos para reunírense co seu home e pai. Instaláronse na vila de Tapalqué, na provincia de Buenos Aires.[2][3]

Poucos meses despois, Yaacov morreu de tuberculose. Liberman, sen coñecementos de español, viuse na obriga de deixar os dous bebés na casa duns veciños e mudarse á cidade de Buenos Aires en busca de emprego. Ao non conseguir traballo de costureira, entrou na prostitución. Foi secuestrada pola rede de trata Zwi Migdal. Esta rede, baixo a aparencia dunha Sociedade Xudía de Socorros Mutuos, recrutaba xudías pobres de Europa do Leste para explotalas sexualmente en Buenos Aires e outras cidades do país.[4][5]

Segundo outra versión, Liberman coñeceu en Polonia un home, Jaime Kissinger. Este levouna a Buenos Aires con promesas de matrimonio e alí deixouna en mans da Zwi Migdal.[5] Atrapada nesta rede, Liberman sufriu todo tipo de vexacións polos «caftenes» (tratantes xudeus) en distintos prostíbulos da capital.[5]

Liberman permaneceu presa nesta rede seis anos. Porén, puido ir aforrando diñeiro ás agachadas para lograr a súa liberdade. Tivo a complicidade dun cliente, que se apiadou dela e ofreceulle ao proxeneta que lla vendese para o seu propio prostíbulo de xudías en Mendoza. O tratante da Zwi Migdal aceptou e Liberman pagoulle o seu prezo ao cliente.

Co que lle quedaba dos aforros, Liberman comprou un local na rúa Callao, mais axiña foi detectada pola Zwi Migdal. Esta comezou a acosala e ameazala para evitar que outras prisioneiras tentasen seguir o seu exemplo. A Zwi Migdal enviou un rufián, José Salomón Korn, para enganala con promesa de matrimonio. Ao pouco de casaren, este rouboulle os aforros e recluíuna nun bordel-cárcere en Buenos Aires.[5]

Denuncia e xuízo á Zwi Migdal

[editar | editar a fonte]

Tras fuxir por segunda vez da rede, Liberman contactou co comisario Julio Alsogaray, un policía con fama de incorruptíbel, ante quen presentou a denuncia o 31 de decembro de 1929.[5] O comisario preguntoulle se estaba disposta a declarar e ela afirmou: «Só se morre unha vez: a denuncia non a retiro»,[6] polo que o xuíz Manuel Rodríguez Ocampo citouna a declarar.

Así se descubriu o funcionamento da organización. As mulleres eran levadas dun lugar a outro pola forza, e maltratadas física e mentalmente para sometelas e evitar que denunciasen. O xuíz ditou procesamento e prisión preventiva para 108 membros da Zwi Migdal e a captura de 334 prófugos baixo os cargos de corrupción e asociación ilícita.[6] Ao longo da investigación descubriuse certa complicidade da rede coa Policía Federal.

Os ricos líderes da Zwi Migdal apelaron a sentenza do xuíz. Malia a declaración de Liberman, a Cámara de Apelacións na causa ditou prisión preventiva unicamente para tres integrantes secundarios da organización. A Cámara xustificou a sentenza en que Liberman, malia as ameazas, fora a única que declarara, non así as outras vítimas.[5]

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

Liberman reuniuse cos seus fillos e viviu en Buenos Aires. Con todo, dous anos despois enfermou de cancro de tiroide. Morreu con 34 anos o 17 de abril de 1935 e quedaron orfos os seus dous fillos de 15 e 14 anos.[7][4] Antes de morrer, estaba a tramitar un visado para volver a Polonia cos fillos e estar coa súa familia.[8]

Recoñecemento

[editar | editar a fonte]

O exemplo de Liberman inspirou semificcións en varios autores, como Humberto Costantini, Carlos Serrano, Myrtha Schalom (con La Polaca), Nora Glickman[4] e Elena Vinelli.[9] Na Arxentina tamén existen os «premios Raquel Liberman», dedicados á loita contra a violencia de xénero.[10]

En 2017, premiouse e publicouse a novela Mistonga florcita de lis, do escritor arxentino Gerardo H. Badoglio, que fai referencia explícita a Liberman. Relata a historia dunha muller francesa, levada á Arxentina mediante enganos, que atravesa o horror da trata naquel Buenos Aires da Década Infame.

En 2019 estreouse a telenovela Argentina, tierra de amor y venganza, cun personaxe baseado na súa vida. Ese mesmo ano, a estación "Callao", da rede de Subterráneos da Capital Federal de Buenos Aires, pasou a chamarse "Raquel Liberman".

  1. "The Legacy of Raquel Liberman". Arquivado dende o orixinal o 7 de agosto de 2016. Consultado o 1 de agosto de 2016. 
  2. Apellido/Nombre/Edad/Estado Civil/Nacionalidad/Lugar de Nacimiento/Profesión/Fecha de Arribo/Barco/Puerto// LIBERMAN/RUSHLA LAJA/33/C/POLACA/DOMESTICA/1922/09/30/AVON/CHERBURGO// LIBERMAN/ICHIA/3/S/POLACA/1922/09/30/AVON/CHERBURGO// LIBERMAN/MOESCHE/1/S/POLACA/1922/09/30/AVON/CHERBURGO//
  3. Pasaporte polaco
  4. 4,0 4,1 4,2 Nora Glickman. "Raquel Liberman". Jewish Women Archive (en inglés). 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Luciano Andrés Valencia (Agencia Walsh) (28 de xaneiro de 2013). "Raquel Liberman y Marita Verón". Argenpress. Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2013. 
  6. 6,0 6,1 "Reconocimiento a Raquel Liberman, pionera contra la trata de personas". diario El Argentino. Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2013. 
  7. Eduardo Pogoriles. "Zwi Migdal: filman la historia de la mafia polaca en la Argentina". diario Clarín. Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2013. Consultado o 31 de xullo de 2013. 
  8. Raquel Liberman, "la polaca" que desnudó la trata de mujeres en la Argentina de los años '30 Heroinas.net
  9. Reeditan "La polaca", la historia de una heroína silenciada. Telam
  10. "Reconocimiento a quienes luchan por frenar la violencia de género". parlamentario.com. Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2012. Consultado o 1 de agosto de 2013.