O queixo edam (en neerlandés:Edammer kaas) é un queixo semiduro orixinario dos Países Baixos, e que recibe o seu nome pola vila de Edam na provincia de Holanda Setentrional.[1] O queixo edam véndese tradicionalmente en formato cilíndrico, cun interior de cor amarela pálida e unha envoltura de cera de parafina vermella. Este queixo avellenta e viaxa sen estragarse, xa que que só se pon máis duro. Esta cualidade (entre outras) converteuno no queixo máis popular do mundo entre os séculos XIV e XVIII, tanto no mar como nas colonias máis remotas.[2][3] O principal produtor de queixo edam é a compañía FrieslandCampina de Marum, nos Países Baixos.