Punción lumbar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha punción lumbar (ou abreviado PL) é un procedemento médico diagnóstico, e ás veces terapéurico, co obxectivo de obter unha mostra de líquido cefalorraquídeo para posteriormente realizar unha análise bioquímica, citolóxica ou microbiolóxica. De xeito máis excepcional, a punción lumnar emprégase para drenar e retirar líquido cefalorraquídeo coa fin de minguar a presión intracranial. Nestes casos denomínase punción lumbar terapéutica.

Indicacións[editar | editar a fonte]

A punción lumbar realízase, na meirande parte dos casos, para o diagnóstico da meninxite. Malia ser unha doenza grave, a meninxite é altamente tratábel, e a punción lumbar é o único método para descartar esta enfermidade. Os rapaces cativos adoitan necesitar dunha punción lumbar como parte da rutina para diagnosticar febre sen outro motivo coñecido, xa que teñen un maior risco de meninxite que as persoas adultas, e non sempre amosan signos de irritación menínxea. En calquera grupo de idade, unha hemorraxia subaracnoide, hidrocefalia, hipertensión intracranial, esclerose múltiple e moitos outros diagnósticos poden ser confirmados ou descartados mediante esta proba.