Prostitución nos territorios daneses de ultramar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A prostitución nos territorios daneses de ultramar, que son Groenlandia e as Illas Feroe, territorios gobernados de xeito autónomo respecto á Dinamarca continental e con amplos tratados de autogoberno dende comezos do século XXI[1] ten un marco legal igual ao dinamarqués,[2] o que na práctica implica que o modelo que se segue é o abolicionista: exercicio da prostitución non regulado, bordeis e proxenetismo ilegais.[3] Non existen servizos especificamente deseñados para prostitutas en ningún dos dous territorios; supostamente, porque en ningún dos dous se lle dá unha grande importancia ao asunto do exercicio, ao non existiren apenas casos de prostitución.[2]

Groenlandia[editar | editar a fonte]

En Groenlandia, ademais da posesión de bordeis, do proxenetismo, e da explotación sexual de terceiras persoas, é ilegal alentar ou axudar a menores de 21 anos a prostituirse, ou a viaxaren a outro lugar coa fin de prostituírense (incluíndo tamén a maiores de 21 anos se descoñecen o propósito da viaxe).[4] Tamén é ilegal que o dono dun hotel ou hostal alugue un cuarto para o seu emprego en fins de prostitución.[4] Dende 2019, tamén se considera proxenetismo o feito de manter relacións sexuais de pago cunha persoa enganada, ou envolta en circunstancias inapropiadas ou ilegais á hora de exercer.[5] Pese á percepción recorrente de que o exercicio da prostitución autónoma está prohibido en Groenlandia,[6] non existen atualmente leis que castiguen dito exercicio no territorio, nin a compra de servizos en circunstancias normais en residencias privadas.[4][5]

En 1728, entre os colonos nórdicos que iniciaron o repoboamento do sur da illa, fundando Nuuk, había prostitutas.[7] A día de hoxe, o fenómeno da prostitución é infrecuente en Groenlandia, e non se teñen presentado nunca cargos delictivos relacionados coa posesión de bordeis ou da explotación da prostitución de terceiras persoas.[4] Porén, existen rumores da existencia de bordeis na illa, camuflados na forma de salóns de masaxe,[6] e da existencia de prostitución desde, polo menos, o establecemento das primeiras bases militares estadounidenses en territorio groenlandés.[8] A finais de 2012, abriuse un debate na illa a propósito da posibilidade de legalizar os bordeis, como xeito de obter diñeiro da recente afluencia de traballadores chineses do aluminio á cidade de Maniitsoq.[6][9] Tamén constatouse a existencia de prostitutas groenlandesas na Dinamarca continental, coa característica de que, no canto de intercambiar cartos por sexo, empregan o sexo como recurso de necesidade para conseguir aloxamento.[10][11][12]

Illas Feroe[editar | editar a fonte]

As Illas Feroe contan coa súa propia lei de delitos sexuais desde 2017, similar á dinamarquesa.[13] Dita lei non pena a prostitución autónoma nin a súa compravenda entre maiores de idade, senón tan só o proxenetismo e a prostitución infantil.[14] Debido á escasa poboación de Feroe (aproximadamente 48.000 persoas), non se rexistran na práctica casos de prostitución a terceiros, en bordeis ou en redes ilegais.[15] Sendo a prostitución un fenómeno infrecuente nas Illas, é posíbel atopar algunhas traballadoras sexuais independentes.[16] Elin Reinert Planck, exdirectora do fogar para mulleres Kvinnuhúsið de Tórshavn,[17] asume a existencia de mulleres que trocan sexo por drogas.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "The unity of the Realm" (en inglés). Consultado o 16-09-2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Prostitution in the Nordic Countries" (PDF) (en inglés). 2008. Consultado o 16-09-2020. 
  3. "Current Publications: Law, justice and rights: Prostitution: A Review of Legislation in Selected Countries (PRB 03-29E)". web.archive.org (en inglés). 9 de marzo de 2018. Archived from the original on 09 de marzo de 2018. Consultado o 16 de setembro do 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Politiet: Tip os om prostitution". Sermitsiaq.AG (en kalaallisut). Consultado o 2020-09-16. 
  5. 5,0 5,1 "Lov om ændring af kriminallov for Grønland og retsplejelov for Grønland". webcache.googleusercontent.com (en danés). Consultado o 2020-09-16. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Gästarbetare väcker prostitutionsdebatt på Grönland". epochtimes.se (en sueco). Consultado o 2020-09-16. 
  7. Wurm, Stephen A.; Mühlhäusler, Peter; Tyron, Darrell T. (1996). Atlas of Languages of Intercultural Communication in the Pacific, Asia, and the Americas, International Council for Philosophy and Humanistic Studies. Volume 2, Part 1 Volume 13 of Trends in Linguistics. Walter de Gruyter. p. 1051. ISBN 978-3-11-013417-9. 
  8. "Gästarbetare väcker prostitutionsdebatt på Grönland". epochtimes.se (en sueco). Consultado o 2020-09-13. 
  9. "Debat i Grønland: Skal vi please kinesere med bordel?". DR (en dinamarqués). 2012-10-09. Consultado o 2020-09-13. 
  10. "Grønlandske prostituerede er ’sofasovere’". Sermitsiaq.AG (en dinamarqués). Consultado o 2020-09-13. 
  11. "Grønlandske prostituerede er mest udsatte". Sermitsiaq.AG (en dinamarqués). Consultado o 2020-09-13. 
  12. "Grønlandske kvinder i Danmark bytter sex for husly". KNR (en dinamarqués). Consultado o 2020-09-13. 
  13. "Crime and Crime Control in Four Nordic Island Societies: The Faroe Islands, Greenland, Iceland and the Åland Islands" (PDF) (en inglés). Consultado o 16-09-2020. 
  14. "Lei de Delitos Sexuais das Illas Feroe" (PDF) (en feroés). Decembro de 2016. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17-09-2020. Consultado o 16-09-2020. 
  15. "Nútímans trældómur á Minority Film Festival". Amnesty International Føroyar (en dinamarqués). 2019-10-14. Consultado o 2020-09-12. 
  16. "Faroe Islands Escorts • Call Girls in Tórshavn, Klaksvík, Fuglafjørður, Tvøroyri, Miðvágur". Atlas Escorts (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2020. Consultado o 2020-09-12. 
  17. "Nú skal Kvinnuhúsið hava nýggjan leiðara". www.in.fo (en feroés). Consultado o 2022-02-24.