Test de Ames
O test de Ames é un ensaio in vitro de avaliación da capacidade mutaxénica das substancias químicas.
Características
[editar | editar a fonte]A preocupación pola presenza de substancias químicas tóxicas e o descubrimento de mutáxenos no ambiente aumenta día a día a causa do risco de cancro e enfermidades hereditarias na poboación. Á hora de abordar experimentalmente o problema da mutaxénese non hai dúbida que o enfoque último está dirixido á propia especie humana. Agora ben, a experimentación con material humano in vivo non é factible e a utilización dos mamíferos como especies experimentais máis afíns ao ser humano resulta moitas veces un proceso longo e custoso, sobre todo tendo en conta que se trata de ensaiar gran número de posibles mutáxenos.
Considerando que o proceso mutacional no material hereditario humano responde a unha mesma base molécular con respecto a microorganismos como as bacterias ou os fungos resulta lóxico tratar de desenvolver técnicas experimentais que permitan detectar os efectos mutaxénicos sobre tales organismos máis simples; así se describiron as técnicas en bacterias e fungos[1].
O test de Ames, que debe o seu nome o seu inventor, Bruce Ames foi o primeiro ensaio de curta duración desenvolvido para detectar a mutaxenicidade dos axentes químicos. Grazas a este ensaio, demostrouse que o 60-90%-90 das substancias químicas canceríxenas eran á súa vez mutáxenas[2],[1]
Principio[1]
[editar | editar a fonte]O test usa distintas cepas da bacteria Salmonella typhimurium. Esta é unha bacteria que pode medrar nun medio de cultivo sen histidina porque é capaz de sintetizala. Pero o test usa unha cepa mutante, modificada xeneticamente para que non poida sintetizar histidina, e, polo tanto, estas bacterias non medrarán nun medio sen este aminoácido.[3]
As bacterias mutantes son expostas á substancia a ser avaliada. Se a substancia utilizada no test non é mutáxena, as bacterias non poden medrar, e polo tanto, non se formarán colonias no medio de cultivo empregado. Porén, se a substancia é mutáxena as bacterias recuperan a súa capacidade de sintetizar o aminoácido histidina, debido a que a súa mutación inicial é revertida, o que fai que a Salmonella Typhimurium xa non requira histidina para medrar, e se formen colonias.[4]
A principal utilidade é a detección de substancias mutáxenas potencialmente canceríxenas, aínda que non tódalas substancias canceríxenas dan positivo neste test, e viceversa, non tódalas substancias positivas o test serán canceríxenas. Esta é unha proba de detección deseñada para detectar un axente mutáxeno/canceríxeno de xeito rápido e barato.
Procedemento
[editar | editar a fonte]O proceso consiste na colocación de cepas mutantes nunha placa de Petri cun medio de cultivo sen histidina. Na placa, colócase un disco impregnado coa substancia que se vai avaliar. A placa métese nun forno a 37 °C (temperatura óptima para o crecemento de bacterias). En 24-48 horas, retírase a placa do forno e cóntase as colonias cultivadas na placa en comparación cunha placa control que non tiña substancia. Se estas placas dan un resultado semellante ao obtido no control, o axente químico non é mutáxeno. Se se observa o crecemento das colonias no medio pobre en histidina, o produto químico é mutáxeno[5],[6],[1]
Activación metabólica
[editar | editar a fonte]Algúns compostos químicos son activos directamente xa que son compostos que reaccionan cos centros nucleofílicos presentes no ADN, como por exemplo os epóxidos, N-óxidos aromáticos, considéranse compostos xenotóxicos directos. Non obstante, outros compostos necesitan dunha activación metabólica antes de ser activos. Convértense en activos pola acción dalgúns sistemas enzimáticos presentes na célula animal[5],[7],[8]. É o caso de moitos carcinóxenos químicos, tales coma as aminas aromáticas ou os hidrocarburos aromáticos policíclicos, que son fisioloxicamente inactivos, pero transfórmanse en compostos activos despois de que o organismo os metabolice.[1]
Nos seres humanos e animais, o cito cromo P-450 é responsable da maioría destes casos de activación metabólica. Pero como as bacterias non teñen esa capacidade metabólica, non poden por si mesmas facer esa activación, e polo tanto axentes potencialmente canceríxenos para o home poderían dar negativo neste test. Para corrixir este déficit débese engadir un sistema de activación metabólico esóxeno, que se extrae de órganos de animais ricos en enzimas. Concretamente emprégase a chamada fracción microsomal S-9, que se obtén de fígado de rata e que se engade na placa de Petri, xunto coa substancia de ensaio e as bacterias.
O produto debe probarse tanto en presenza como en ausencia de activación metabólica, para tratar de descubrir se se trata dun mutáxeno directo ou non.[1]
Tipos de cepas de Salmonella typhimurium
[editar | editar a fonte]No test empréganse distintas cepas da bacteria, que presentan diferentes mutacións deseñadas para responder anter mutáxenos que actúan por distintos mecanismos.
Todas as cepas son derivadas de S. typhimurium e requiren histidina. Adicionalmente á mutación para histidina, cada cepa presenta outras mutacións, que fan incrementar a súa sensibilidade para determinados mutáxenos. As cepas utilizadas para as probas xerais de mutaxenicidade son as seguintes: TA97, TA98, TA100, TA102, TA1535 e TA1538, aínda que algunhas cepas deixáronse de usar por diversos motivos (por exemplo, detección de poucos mutáxenos, substitución por outras máis sensibles, etc.).[1]
Limitacións
[editar | editar a fonte]O emprego dunha activación metabólica esóxena en células procariotas non emula con exactitude ás condicións in vivo de mamíferos, polo que esta proba non proporciona información directa da potencia mutáxena e/ou canceríxena dunha substancia en humanos.
- Aínda que moitas substancias que son positivas para esta proba son canceríxenas en mamíferos, a correlación non é absoluta. Existen substancias canceríxenas non detectadas por esta proba debido a que os seus mecanismos de acción no son xeno tóxicos ou non se encontran presentes na bacteria.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 The Ames test: a methodological short review.ENVIRONMENTAL BIOTECHNOLOGY 4 (1) 2008, 7-14
- ↑ Bruce N.Ames[Ligazón morta],
- ↑ Repetto, M. “Toxicología Fundamental” . Ed. Científico Médica. Barcelona. 1988
- ↑ Ames test – Encyclopedia of Public Health[Ligazón morta]
- ↑ 5,0 5,1 Ames test Lab
- ↑ Mutaciones en procariotas. Las bacterias como indicadores de sustancias mutagénicas y potencialmente carcinogénicas
- ↑ Fracción microsomal hepática (S-9)[Ligazón morta](diapositiva 13)
- ↑ "Osman". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2016. Consultado o 11 de xuño de 2010.