Portal:Portugal/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os pasteis de Belém (en portugués pastéis de Belém) son unha das especialidades máis características da pastelaría portuguesa. Xenericamente reciben o nome de natas.

Son tortiñas de crema, duns 10 centímetros de diámetro, elaboradas conforme unha receita secreta que non foi desvelada en case douscentos anos e que, supostamente, só tres persoas coñecen no planeta. Tanto a pasta como a crema comezan a elaborarse a porta pechada, na chamada oficina do segredo, nun proceso que dura dous días. A pasta é de masa follada. A crema ten unha base fundamental de xema de ovo, leite e azucre. Cómense tanto en quente como en frío.

Crese que foron creadas con anterioridade ao século XVIII polas freiras do mosteiro lisboeta dos Xeromes, situado na freguesía de Belém, nos arredores da capital portuguesa.

Un británico chamado Andrew Stow modificou a receita con técnicas inglesas e comezou a vender estes novos pasteis no Lord Stow's Cafe, un establecemento da súa propiedade en Coloane, (Macau). Na actualidade estas tortiñas de ovo á portuguesa están dispoñíbeis en numerosas pastelarías, así como nos restaurantes típicos de Macau e nas franquías honconesas do KFC.