Portal:Pobos indíxenas de América/Artigo destacado/7
Os yanomami (tamén chamados yąnomamö ou yanomama), son un pobo indíxena de 35 000 persoas que habitan en 200 ou 250 vilas na selva amazónica, na fronteira entre Venezuela e o Brasil.
Dende 1630 até 1720, as complexas sociedades dos ríos foron eliminadas ou minguadas como resultado das expedicións de caza de escravos polos conquistadores e bandeirantes. Se isto afectou ós Yanomami e en que grao son cuestións de pura especulación. O contacto sostido co mundo exterior comezou na década de 1950s coa chegada de membros da Misión Novas Tribos así como de misioneiros católicos da Compañía de Xesús e dos salesianos.
En Roraima, na década de 1970 producíronse proxectos de desenvolvemento dentro do "Plan de Integración Nacional" levado a cabo polos gobernos militares brasileiros daquel momento. Isto supuxo a apertura dun tramo de estrada perimetral (1973–76) e varios programas de colonización en terras tradicionalmente ocupadas polos yanomami. Durante o mesmo período, o proxecto de busca de recursos RADAM (1975) detectou importantes depósitos naturais na rexión. Isto provocou un aumento progresivo dos buscadores de ouro, que despois de 1987 se converteu nunha verdadeira febre do ouro. Centos de pistas clandestinas foron abertas polos buscadores de ouro nos principais tributarios do río Branco entre 1987 e 1990. O número de mineiros na área yanomami de Roraima estimouse entre 30 e 40,000, unhas cinco veces máis que a poboación indíxena residente. Aínda que a intensidade desta carreira do ouro diminuíu moito dende 1990, a prospección de ouro segue hoxe na terra yanomami, estendendo a violencia e outros serios problemas sociais.
A reserva da biosfera Alto Orinoco-Casiquiare foi creada en 1993 co obxectivo de preservar o territorio e o estilo de vida tradicional dos yanomami e dos ye'kuana. Porén, malia que a constitución de Venezuela recoñece os dereitos dos pobos indíxenas ás súas terras ancestrais, poucos teñen a titularidade das mesmas e o goberno anunciou a apertura de grandes partes do Amazonas para a minaría legal.