Portal:Perú/Artigo destacado/8

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Inti Raymi (en quechua ‘festa do sol’), antigamente chamada Wawa Inti Raymi (festa do sol neno), é unha cerimonia incaica e andina celebrada na honra de Inti (o pai sol), que se realizaba cada solsticio de inverno (24 de xuño, no hemisferio sur). Os actuais poboadores dos países andinos, coa presenza de visitantes nacionais e estranxeiros, continúan facendo esta tradición, agora tida como unha cerimonia de interese turístico. Ó tratarse dunha tradición inca, o Inti Raymi mantense como un rito para moitas outras comunidades indíxenas de legado incaico, algunhas das cales están asentadas noutras partes do antigo territorio inca, como en Ecuador, Colombia, Chile, norte arxentino (Jujuy) e Bolivia.

Durante a época dos Incas, o Wawa Inti Raymi foi instituódo polo inca Pachacútec na década de 1430, como parte da súa reorganización político-administrativa do estado inca, e era un ritual para lexitimar o control imperial sobre os pobos sometidos. O raymi do solsticio de inverno era un dos dous maiores festivais celebrados na honra do sol en Cuzco. O outro festival era o Capaq Inti Raymi, (festa do gran sol) celebrado polos Incas no solsticio de verán no hemisferio sur (21 de decembro). Segundo conta Inca Garcilaso de la Vega (1539-1616), o Wawa Inti Raymi significaba que o deus Sol renacía para dar comezo a un novo ciclo anual, o "tempo circular inca" (xa que non concibían o tempo como lineal senón coma un círculo cronolóxico) así como a orixe mítica do Inca, quen foi enviado polo Sol (como deus ordenador das accións das poboacións do antigo mundo). A súa celebración duraba 15 días, nos cales había danzas, cerimonias e sacrificios. O derradeiro Wawa Inti Raymi coa presenza do Inca foi realizado a partir do 21 de xuño do ano 1535.