Portal:Muller/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade, é festa recoñecida nalgúns países, e tradicionalmente grupos e asociacións de mulleres militantes no feminismo ou no movemento obreiro preparan manifestacións, por veces utilizando o nome orixinal, por todo o mundo, para facer ver as súas reinvindicacións para mellorar as condicións da muller, e festexar os avances e loitar pola superación dos atrancos. Conmemora a loita da muller pola súa participación, en pé de igualdade co home, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa.

A primeira celebración do Día Internacional da Muller tivo lugar o día 19 de marzo de 1911 en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza, e a súa conmemoración tense estendido dende aquela a numerosos países.

En 1972 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou 1975 Ano Internacional da Muller e en 1977 invitou a todos os Estados a declarar, conforme ás súas tradicións históricas e costumes nacionais, un día como Día Internacional polos Dereitos da Muller e a Paz Internacional.