Portal:Música clásica/Biografía destacada/12

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Imogen Clare Holst CBE, nada o 12 de abril de 1907 en Richmond, Surrey (Reino Unido) e finada o 9 de marzo de 1984 en Aldeburgh, Suffolk (Reino Unido), foi unha compositora, arranxista, directora de orquestra, profesora e administradora de festivais británica. Única filla do compositor británico Gustav Holst, é especialmente coñecida polo seu traballo educativo no Dartington Hall na década de 1940, e polos seus 20 anos como directora artística adxunta do Festival de Aldeburgh. Amais de compoñer música, escribiu biografías de compositores, elaborou numeroso material didáctico, e varios libros sobre a vida e a obra de seu pai.

Dende moi nova, Imogen Holst mostrou un talento precoz na composición e a interpretación. Logo de asistir á Eothen School e á St Paul's Girls' School, ingresou no Royal College of Music, onde desenvolveu as súas habilidades como directora de orquestra e gañou varios premios de composición. Incapaz por motivos de saúde de seguir as súas ambicións iniciais de ser pianista ou bailarina, Imogen pasou a maior parte da década de 1930 ensinando, e como organizadora a tempo completo da English Folk Dance and Song Society. Estes deberes reduciron as súas actividades compositivas, aínda que fixo moitos arranxos de pezas populares. Logo de exercer como organizadora do Consello para o Fomento da Música e as Artes ao inicio da segunda guerra mundial, en 1942 comezou traballar en Dartington. Nos seus nove anos alí fixo de Dartington un centro importante de educación e actividade musical.

A principios da década de 1950 Imogen converteuse na asistente musical de Benjamin Britten, trasladouse a Aldeburgh, e comezou a axudar coa organización do festival anual de Aldeburgh. En 1956 converteuse na directora artística do festival, e durante os seguintes 20 anos axudouno a acadar unha posición preeminente na vida musical británica. En 1964 renunciou como asistente de Britten para retomar a súa propia carreira como compositora e concentrarse na preservación do legado musical de seu pai.