Portal:Islandia/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Reino de Islandia (en islandés: Konungsríkið Ísland) foi unha monarquía constitucional establecida o 1 de decembro de 1918 e finalizada en o 17 de xuño de 1944, cando se proclamou a república en Islandia. O reino de Islandia foi sucesor do Estado autónomo islandés e representou a fin da loita pola independencia de Islandia, que fora controlada pola coroa dinamarquesa desde 1380, aínda que formalmente fora unha posesión norueguesa ata 1814.

O Acta de Unión de 1918 estableceu unha unión persoal de Islandia co rei de Dinamarca, quen pasou a ser tamén rei de Islandia. Islandia pasou a ser un Estado soberano, que dispoñía da súa propia bandeira e competencia exclusiva en materia de asuntos lexislativos interiores, exercida a través do parlamento Alþing. Porén, a soberanía islandesa non era total, posto que a xestión das augas territoriais e as relacións internacionais eran dependentes do goberno de Dinamarca.

Durante a súa existencia, o novo reino tivo que facer fronte a varios retos, como a reconstrución da economía trala Primeira Guerra Mundial. A Segunda Guerra Mundial supuxo unha etapa decisiva na historia do país, coa invasión polas forzas británicas. En 1944 nun referendo, os islandeses decidiron poñer fin á unión con Dinamarca, proclamando a república o 17 de xuño dese ano.