Portal:Hóckey sobre xeo/Artigo destacado/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O KRS Vanke Rays é un equipo feminino profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Shenzhen, na provincia de Guangdong (China). Inicialmente foi coñecido como Kunlun Red Star WIH (en chinés simplificado 深圳昆仑鸿星 ou 昆仑鸿星, chinés tradicional 深圳崑崙鴻星 ou 崑崙鴻星, pinyin Shēnzhèn Kūnlún Hóngxīng ou Kūnlún Hóngxīng, romanización Yale para o cantonés Sāmzan Kwānlèuhn Hùhngsīng ou Kwānlèuhn Hùhngsīng), mudando o seu nome logo de fusionarse co outro equipo chinés da liga, o Vanke Rays no verán de 2018. O equipo competiu dende a súa fundación en 2017 e ata 2019 na Canadian Women's Hockey League (CWHL), e dende 2019 na Zhenskaya Hockey League rusa. Está operado polo Kunlun Red Star, un equipo masculino da cidade de Pequín fundado en 2016 e que compite na Kontinental Hockey League (KHL). O Kunlun Red Star xoga os seus partidos como local no Shenzhen Dayun Arena de Shenzhen, un pavillón con capacidade para 18 000 espectadores, se ben para a tempada 2021-22 trasladouse ao Mytishchi Arena de Mytishchi (Rusia) por mor da pandemia de COVID-19.

O club naceu en 2017 nun esforzo por mellorar a selección feminina de hóckey sobre xeo da China, e na súa primeira tempada, o equipo chinés conseguir finalizar na segunda posición a liga regular e clasificouse para os play-offs, onde se enfrontou nas semifinais a Calgary Inferno, as que derrotou en tres partidos (2-1). Na final da Clarkson Cup disputada en Toronto enfrontáronse ás tamén canadenses Markham Thunder, perdendo por 2 goles a 1.