Portal:Francia/Biografía destacada/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Alexandre César Léopold Bizet, coñecido como Georges Bizet (pronunciado [ˈʒɔʁʒ biˈzɛ]), nado en París o 25 de outubro de 1838 e finado en Bougival o 3 de xuño de 1875, foi un compositor francés pertencente ao período romántico, coñecido especialmente polas súas óperas. Trátase do compositor dunha das óperas francesas máis populares de todos os tempos e que se converteu nunha das máis populares e interpretadas de todo o repertorio operístico: Carmen, composta en 1875 e que foi a última obra da súa carreira curtada pola súa morte prematura e na que alcanzou escasos éxitos ata a propia Carmen.

Bizet gañou varios premios ao longo da súa brillante carreira como estudante no Conservatorio de París, incluíndo o prestixioso Prix de Rome en 1857. Foi recoñecido como un pianista excepcional, aínda que preferiu non aproveitar a súa habilidade e en raras ocasións tocou en público. Logo de regresar a París tras pasar case tres anos en Italia, deuse conta de que nos principais teatros de ópera parisienses preferíase interpretar o repertorio clásico máis arraigado antes que as obras de novos compositores. As súas composicións orquestrais e para teclado foron do mesmo xeito ignoradas na súa gran maioría, o que estancou a súa carreira, polo que tivo que gañarse a vida principalmente mediante arranxos e transcricións da música de outros. Na súa procura do ansiado éxito, comezou varios proxectos teatrais durante a década de 1860, moitos dos cales abandonou. Ningunha das dúas óperas que se chegaron a poñer en escena —Les Pêcheurs de Perles e La jolie fille de Perth— tiveron éxito de inmediato.

O matrimonio de Bizet con Geneviève Halévy foi feliz de xeito intermitente e froito do cal tiveron un fillo. Logo da súa morte, as súas composicións, agás Carmen, estiveron en xeral desatendidas. Regaláronse ou perdéronse os manuscritos e as versións publicadas das súas obras frecuentemente eran revisadas e adaptadas por terceiros. Non creou escola nin tivo discípulos nin sucesores evidentes. Tras anos de abandono, as súas obras comezáronse a interpretar de novo con máis frecuencia no século XX. Críticos posteriores proclamárono como un compositor de gran brillantez e orixinalidade cuxa morte prematura significou unha gran perda para a música teatral francesa.