Portal:Finlandia/Artigo destacado/6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Gyromitra esculenta é un fungo ascomiceto amplamente distribuído en Europa e Norteamérica. Normalmente frutifica en solos areosos baixo árbores coníferas en primavera e principios do verán. O corpo frutífero ou cogomelo, consta dun píleo ou chapeu con forma de cerebro irregular de cor marrón escura que pode chegar aos 10 cm de altura e 15 cm de largo, situado sobre un robusto estipe ou pé de ata 6 cm de altura. Parécese superficialmente á pantorra (Morchella), ao que se debe o nome que se lle dá nalgúns idiomas equivalente a "falsa pantorra".

Aínda que é un fungo potencialmente mortal cando se come cru, Gyromitra esculenta é un manxar popular en Escandinavia, Europa oriental e rexión norte dos Grandes Lagos de Norteamérica. Aínda que tamén é popular nalgunhas zonas do leste dos Pireneos, está prohibida a súa venda pública en España. Pode venderse fresco en Finlandia, pero debe ir acompañado de advertencias e instrucións sobre a súa correcta preparación.

Malia que adoita ser semifervido antes da súa preparación, as evidencias suxiren que incluso este procedemento pode que non faga que este fungo sexa enteiramente seguro para o seu consumo. Cando se come, o seu principal axente activo, a xiromitrina, é hidrolizada dando o composto tóxico monometilhidrazina (MMH). A toxina afecta o fígado, o sistema nervioso central e ás veces os riles. Os síntomas de envelenamento son vómitos e diarrea que aparecen varias horas despois do seu consumo, seguidas de mareos, apatía e dor de cabeza. Os casos graves poden levar ao delirio, o coma e a morte en de cinco a sete días.