Portal:España/Biografía destacada/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mercè Rodoreda i Gurguí, nada no barrio de Sant Gervasi de Barcelona o 10 de outubro de 1908 e finada en Xirona o 13 de abril de 1983, foi unha escritora catalá, máis coñecida como novelista e contista, pero tamén escribiu algunhas obras de teatro e poesía lírica.

Foi a novelista catalá máis importante da posguerra pola densidade e o lirismo da súa obra. Foi a autora da novela en catalán máis aclamada de todos os tempos, La plaça del Diamant (1962), que pode lerse en máis de vinte idiomas. Empezou escribindo contos para revistas, como escape a un decepcionante matrimonio, e unha serie de novelas que ela mesma rexeita posteriormente, a excepción de Aloma (1938), gañadora do Premio Crexells. A principios da guerra civil española traballa no Comisariado de Propaganda da Generalitat de Cataluña e na Institució de les Lletres Catalanes. Exiliada primeiro en varias localidades francesas e despois en Xenebra, rompe o seu silencio de vinte anos con Vint-i-dos contes (Vinte e dous contos, 1958), que obtivo o Premio Víctor Català. Con El carrer de les Camèlies (1966) gaña o Premi Sant Jordi, o da Crítica e o Ramon Llull. A mediados dos anos setenta volve a Cataluña, á poboación de Romanyà de la Selva, onde concluíu a novela Mirall trencat (Espello roto, 1974) e, entre outras narracións, aínda publicou Viatges i flors e Quanta, quanta guerra en 1980, ano no que lle foi outorgado o Premi d'Honor de les Lletres Catalanes. Foi membro e Socia de Honra da Associació d'Escriptors en Llengua Catalana.