Portal:Diversidade sexual/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Leelah Alcorn, nada o 15 de novembro de 1997 en Kings Mills (Ohio), e finada o 28 de decembro de 2014, foi unha rapaza transxénero estadounidense cuxo suicidio atraeu a atención dos medios nacionais e internacionais. Alcorn publicara unha nota de suicidio no seu blog de Tumblr, escribindo sobre estándares sociais relacionados coas persoas transxénero e expresando esperanza en que a súa morte crearía un diálogo sobre a discriminación, abuso e falta de apoio para as persoas transxénero.

Asignada ó xénero de varón no seu nacemento como Joshua Alcorn, criouse en Ohio no seo dunha familia afiliada co movemento da Igrexas de Cristo. Ós 14 anos de idade indicoulle a súa condición de transxénero ós seus pais, que rexeitaron aceptar a súa identidade de xénero feminina. Ós 16 anos de idade denegáronlle a súa petición de someterse a terapia de reasignación sexual, someténdoa no seu lugar a unha terapia de conversión cristiá coa intención de convencela de que rexeitase a súa identidade de xénero e aceptase o xénero que lle asignaran ó nacer. Tras revelarlles ós seus compañeiros de clase que lle atraían os varóns, os seus pais sacárona da escola e prohibíronlle o acceso ás redes sociais. Na súa nota de suicidio Alcorn citou a soidade e a alienación como motivos chave da súa decisión de poñer fin a súa vida e culpou ós seus pais por causar estes sentimentos.

Alcorn dispuxo a publicación en liña da súa nota de suicidio varias horas despois da súa morte, atraendo en pouco tempo a atención internacional dos medios e redes sociais. Varios activistas LGTB reclamaron atención para o suceso cualificándoo como unha proba dos problemas sufridos pola xuventude transxénero. Pouco despois do seu suicidio comezou unha campaña de peticións para o establecemento da chamada "Lei de Leelah", a prohibición da terapia de conversión nos Estados Unidos, apoiada polo entón presidente do país Barack Obama. Ó ano seguinte a cidade de Cincinnati aprobou unha lei para a ilegalización da terapia de conversión.