Portal:Cultura castrexa/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A cultura castrexa foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a.C.) ata o século I d.C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros), onde esa palabra se emprega como topónimo do castro. A súa área de extensión chega ata os ríos Navia e Túa polo leste e o Douro polo sur.

Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce. A esta compoñente precastrexa sumáronselle influencias culturais centroeuropeas, atlánticas e mediterráneas; as primeiras serían consideradas tradicionalmente celtas e de aí a identificación tanto culta como popular e mítica que deu raíz ao celtismo. No lento período formativo, que duraría ata o século V a.C. os castros fóronse estendendo de sur a norte e da costa cara ao interior. Esta cultura desenvolveuse a continuación durante dous séculos e comezou a ser influenciada pola cultura romana no século II a.C. e continuou na forma de Cultura Galaico-romana despois da invasión romana e ata os séculos III ou mesmo o IV d.C.