Portal:Celtas/Artigo destacado/7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O galaico, tamén coñecido como hispano-celta do noroeste, foi unha lingua celta (do tipo Q) ou un grupo de linguas e dialectos, emparentados co celtibérico, falado a comezos da era cristiá no cuadrante noroeste da península Ibérica, máis especificamente entre a costa atlántica do oeste e o norte e unha liña imaxinaria que corta a península de norte a sur, ligando as actuais cidades de Oviedo e Mérida. Así como ocorre co ilirio e o lígur, o corpus que se conserva está composto de palabras illadas e frases curtas atopadas en inscricións locais (en latín) ou glosadas por autores clásicos, xuntamente con onomástica (antropónimos, etnónimos, teónimos, topónimos) tamén atopada en inscricións, ou que sobreviviu até o presente en nomes de lugares, ríos ou montes. Diversas palabras de orixe céltica tamén foron preservadas polas linguas románicas locais (entre elas, o galego), e é probable que fosen herdadas destes dialectos celtas-Q.

Tanto Pomponio Mela coma Plinio o Vello escribiron sobre as poboacións celtas e non celtas de Gallaecia e Lusitania. Algúns autores modernos especularon sobre a posibilidade de que ámbalas rexións compartisen unha mesma lingua céltica, mentres que outros autores sinalan dificultades non resoltas dentro desta hipótese, como as características fonéticas incompatíbeis das dúas rexións, como a preservación de *p- e o reflexo inconsistente das consoantes líquidas silábicas. A evidencia filoxenética amosa que a lingua galaica, se ben comparte algunhas características co celtibero, ten evolucións fonéticas que o diferencian do celtibero.