Portal:Celtas/Artigo destacado/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O neodruidismo é unha forma moderna de espiritualidade ou relixión que proclama a reverencia e a harmonía coa natureza, o repecto a todos os seres vivos e o ambiente. Moitas formas de neodruidismo son relixións neopagás, mais outras son simplemente filosofías de vida non necesariamente de natureza relixiosa. Orixinouse en Gran Bretaña durante o século XVIII, no comezo como un movemento cultural, adquirindo connotacións relixiosas ou espirituais a partir do século XIX.

O principio fundamental do druidismo (ou druidaria) é o respecto e a reverencia da natureza, e isto implica a participación activa en movementos medioambientais. Outra crenza entre os druídas modernos é a veneración dos antergos, particularmente os das sociedades prehistóricas.

Xurdindo no século XVIII durante o movemento romanticista, que glorificaron ós antigos pobos "celtas" da Idade de Ferro británica, os druídas modernos comezaron a imitar os sacerdotes doutrora. Porén, pouca información exacta se coñece sobre eses antigos sacerdotes, polo que o movemento druídico moderno non ten relación directa cos ritos do pasado.

Na primeira metade do século XX, os druídas modernos desenvolveron organizacións fraternais semellantes ós da masonería que empregaron a figura romántica dos druídas e bardos británicos como símbolo de espiritualidade indíxena. Algúns deses grupos eran puramente fraternais e culturais, creando tradicións a partir da imaxinación nacional británica. Outros fusionáronse con movementos como os da cultura do corpo e o naturismo. Dende os anos 1980 algúns grupos de druídas modernos adoptaron a mesma metodoloxía para a reconstrución do neopaganismo celta nun esforzo de crear unha práctica máis exacta historicamente. Porén, existe unha grande controversia sobre canto hai de semellante entre os druídas modernos e os da Idade de Ferro.

En Galiza existe a Irmandade Druídica Galaica (IDG) desde 2011, que estende a súa presenza polo territorio da vella Gallaecia. Este grupo procura a recuperación da druidaria deste territorio (entendida como a súa relixión nativa) e o seu recoñecemento como relixión oficial, conseguido de feito en xullo de 2015 coa súa incorporación ó rexistro de entidades relixiosas do Ministerio de Xustiza.