Portal:Cataluña/Biografía destacada/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pau Casals i Defilló, nado en El Vendrell (Tarragona) o 29 de decembro de 1876 e finado en San Xoán de Porto Rico o 22 de outubro de 1973, foi un compositor e músico catalán.

Pola súa recoñecida actividade como director e compositor, Casals é considerado un dos mellores violonchelistas de todos os tempos. O columnista sociopolítico e economista David P. Goldman designou a Casals como o mellor músico clásico do século XX.

Unha das súas composicións máis soadas é o "Himno das Nacións Unidas", coñecido como o "Himno da Paz", composto mentres residía na súa segunda patria, Porto Rico (onde nacera e se criara a súa nai), e onde tamén residían outros españois de sona internacional, tales como Juan Ramón Jiménez e Francisco Ayala.

Alén da súa obra musical, Pau Casals destacou en todo o mundo polo seu activismo na defensa da paz, a democracia, a liberdade e os dereitos humanos, que lle valeron prestixiosas condecoracións; e mesmo ser nomeado ao Premio Nobel da Paz. Casals tamén manifestou publicamente a súa oposición ao réxime franquista e o seu desexo de ver unha Cataluña independente ou cun alto grao de autonomía.