Portal:Cataluña/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Salvador Felipe Jacinto Dalí i Domènech, nado en Figueres o 11 de maio de 1904 e finado na mesma vila o 23 de xaneiro de 1989, foi un pintor, escultor, gravador, escenógrafo e escritor catalán, un dos principais representantes do surrealismo.

Aínda que o seu principal medio de expresión foi a pintura, tamén fixo incursións no cinema, a escultura, a xoiería e o teatro, e tamén traballou como deseñador de vestiario e escenógrafo, e escribiu algúns libros, entre os que destaca Diario de un genio (1965).Dalí é coñecido polas súas impactantes e oníricas imaxes surrealistas. As súas habilidades pictóricas adóitanse atribuír á influencia e admiración pola arte renacentista. Dalí tivo a habilidade de forxar un estilo persoal e recoñecible. Unha das súas obras máis importantes é A persistencia da memoria, tamén chamada Reloxos brandos, que data do ano 1931. Tamén foi un experto debuxante.

Como artista extremadamente imaxinativo, manifestou unha notable tendencia ao narcisismo e a megalomanía, cuxo obxecto era atraer a atención pública. Esta conduta irritaba a quen apreciaban a súa arte e xustificaba aos seus críticos, que rexeitaban as súas condutas excéntricas como un reclamo publicitario ocasionalmente máis rechamante que a súa produción artística.