Portal:Bretaña/Lugar de interese/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O golfo de Morbihan (en bretón: Mor Bihan Gwened, que significa "pequeno mar") é un pequeno mar interior, situado ao sur do departamento de Morbihan, na Bretaña. Ten 20 km de longo e 15 km de ancho. Ábrese polo sur ao océano Atlántico por unha estreita pasaxe entre as vilas de Locmariaquer e Port-Navalo, porto da vila de Arzon. No seu interior cóntanse 43 illas, aínda que a maioría son de superficie moi reducida e non están habitadas, e outras son propiedades privadas. As illas maiores son Izenah e An Arzh, e cada unha forma un concello.

Tradicionalmente, a actividade económica dos habitantes tanto das illas como das ribeiras do golfo sempre estivo moi estreitamente ligada ao mar: a pesca, a colleita de moluscos e as salinas. Case todas as salinas foron transformadas no século XX en granxas para a cría de ostras, aínda que algunhas están sendo recuperadas para a produción artesanal de sal. Máis recentemente, a maior actividade económica do golfo xira en torno ao turismo.

O golfo de Morbiban constitúe unha gran reserva ornitolóxica, con todo tipo de aves tanto de estancia permanentes como en escala migratoria ou en período de cría. Desde 2008 é Reserva Nacional de Caza e de Fauna Silvestre.