Portal:Baloncesto/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En baloncesto, o Showtime (tempo de espectáculo) foi unha época na historia do equipo de Los Angeles Lakers xogando na National Basketball Association (NBA) entre 1979 e 1990, cando puxo en práctica un espectacular sistema baseado no estilo de xogo run and gun (correr e tirar). Liderado polos carismáticos xogadores Magic Johnson como pasador e Kareem Abdul-Jabbar como anotador, o seu xogo baseouse no contraataque e gañou cinco campionatos da NBA.

Cinco dos integrantes do equipo: Johnson, Abdul-Jabbar, Jamaal Wilkes, Bob McAdoo e James Worthy, foron incluídos no Basketball Hall of Fame como recoñecemento á súa contribución ao mundo do baloncesto, e o club retirou ademais como homenaxe os números das camisolas de Johnson (#32), Abdul-Jabbar (#33), Worthy (#42) e Wilkes (#52). A súa formación da tempada 1986-87 foi incluída pola liga en 1996 entre os dez mellores equipos da historia da NBA.

O propietario dos Lakers na época, Jerry Buss, mercou o equipo en 1979, e dende un principio procurou o entretemento nos seus partidos. Insistiu en que os Lakers adoptasen un estilo de ritmo rápido, creou un grupo de cheerleaders para o equipo (as Laker Girls) e unha banda en vivo para os seus partidos como locais en The Forum de Inglewood.

O Showtime converteuse nun fenómeno deportivo e provocou que diversas celebridades de Hollywood se afeccionasen o equipo e fosen espectadoras asiduas dos seus encontros.